OS XVIII PREMIOS MARÍA CASARES TRANSFORMARANSE NUN FURANCHO DE ‘AGROGLAMOUR’ IDEADO POR IBUPROFENO TEATRO

26 / 03 / 2014

Nun furancho cheo de agroglamour, con dúas furancheiras buscando posibilidades de futuro para o seu negocio en tempos de crise, con viño do pais en lugar de champaña francés e cun lote de xerras agardando polos seus clientes. Así será a cerimonia de entrega dos XVIII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o próximo xoves 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Rosalía Castro da Coruña. Hoxe pola mañá, o Concello da Coruña acolleu a presentación da gala de entrega destes galardóns que, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), convérsense dende 1997 na gran festa anual da escena galega.

Na presentación interviron Ana Fernández, concelleira de Cultura do Concello da Coruña; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Juan Rivas, membro do Consello Territorial da SGAE en Galicia; Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e os responsables da dirección e da condución da cerimonia: Santiago Cortegoso, Marián Bañobre e Isabel Risco;

Precisamente Avelino González foi o primeiro en destacar a relevancia destes galardóns á hora de lle dar visibilidade á actividade teatral nuns momentos difíciles para todos. Para González o sector escénico, malia as circunstancias, está a responder cun labor de calidade e de relevancia social para o país, como así o demostran os once espectáculos que este ano son finalistas aos premios.

Pola súa banda, Ana Fernández sinalou que os María Casares son a mellor mostra da calidade do teatro galego. Jacobo Sutil amosou o apoio da Agadic aos galardóns por ser unha vía de “visibilidade.” Finalmente Juan Rivas destacou que á SGAE lle parece “oportuno e necesario” formar parte deste “escaparate do teatro” que son os premios.

Un ‘glamour’ de Furancho.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia converterá o Teatro Rosalía Castro da Coruña nun furancho ideado pola compañía Ibuprofeno. “Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”, sinala Santiago Cortegoso, director da gala. Deste xeito e en contraste á elegancia típica dunha gala calquera, Ibuprofeno propoñerá un espectáculo de “agroglamour” cun “viño do país, máis artesanal e máis noso” en troques do “champaña francés.”

As actrices Isabel Risco e Marián Bañobre, enfundadas na pel de dúas furancheiras, con-ducirán unha gala distinta na que se manterá ao longo da noite un “mesmo fío argumental”. “Será un espectáculo unitario, cun argumento propio e no que polo medio se entregan os galardóns”, explica Cortegoso, quen engade que “as dúas propietarias do furancho, como o sector teatral, deberán tomar unha serie de decisións vitais para reinventarse.”

Ao longo da cerimonia, o humor e a ironía serán as armas empregadas por Isabel Risco e Marián Bañobre, dúas intérpretes que amosarán ao tempo os seus dotes artísticos como clowns. “Porque así será a gala, terá unha pegada moi clown, moi enerxética e de humor corrosivo que exercitarán os dous personaxes interpretados por Isabel Risco e Marián Bañobre”.

A banda Radio Cos, encabezada polos cantantes e percusionistas Xurxo Fernades e Quique Peón, achegaran á gala as notas musicais. Trátase dunha formación referente no campo da investigación etnográfica en Galicia. As melodías utilizadas no seu repertorio musical foron tiradas dos seus arquivos de traballo de campo, acadados ao longo de más de tres décadas de investigación en todo o país. A banda está acompañada ademais por tres músicos de prestixio: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violín e Xan Pampín no acordeón.

O deseño da escenografía correu a cargo de Suso Montero, mentres que o Centro Dramático Galego encargouse da construción do decorado. O vestiario das presentadoras deseñouno a propia Marián Bañobre. A coordinación e a produción executiva dos premios recae en Marta Horjales.

NO TWITTER E NA TVG

Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia e son, dende o seu nacemento, a gran festa do teatro galego. Os galardóns contan co apoio de institucións e entidades que, coa súa colaboración, poñen de manifesto a relevancia social da escena no país. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, GADISA, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Televisión de Galicia, o Centro Dramático Galego, Trevisani, Superbock e Emsac colaboran na organización dos galardóns.

O Manifesto do Día do Teatro será lido por Camilo Franco e, durante a cerimonia, renderáselle tributo a Xosé Manuel Olveira Pico co Premio de Honra Marisa Soto e un total de 11 produción competirán nos galardóns. Eurozone, con 12 nomeamentos; O home almofada, con seis; Bye Bye honey e As do Peixe, con cinco; son as montaxes con maior número de candidaturas. Waltz aspirará a catro premios, mentres que A Charca inútil competirá por tres. C’est la vie, Criaturas, BailadELAS, Gaivotas subterráneas e As mil vidas de Matías Houseman contan dun nomeamento.

A gala, que comezará ás 20.30 horas, será emitida ás 23.45 horas pola Televisión de Galicia e, terá presenza en directo no twitter a través do perfil na citada rede social que a Asociación de Actores e Actrices mantén en funcionamento. O perfil da AAAG en Twitter é @TuitsdaAAAG e,durante a gala, promoverase o hashtag #oscasares. Nesta conta, daranse a coñecer os gañadores de cada categoría en tempo real.

Perfil Ibuprofeno Teatro

A compañía está formado por MARIÁN BAÑOBRE e SANTIAGO CORTEGOSO, dous profesionais que despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas promoven en 2010 o seu propio selo de produción para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente, nos que poidan integrar a escrita dramática no mesmo proceso de creación e posta en escena dos espectáculos. A aventura IBUPROFENO TEATRO comezou cunha idea que implicou dous anos de investigación e documentación: A filla de Woody Allen. Esta obra inaugural circulou polos circuítos de festivais galegos e estatais e chegou a ser finalista nos Premios MAX de 2011 a mellor autor teatral en galego. En novembro de 2012, estrean no Teatro Ensalle de Vigo o seu segundo proxecto: Pequenos Actos  Pseudorrevolucionarios, que conseguiu na edición 2013 dous Premios María Casares: Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso) e Mellor Actriz Protagonista (Marián Bañobre).

MARIÁN BAÑOBRE: comezou a súa carreira no Taller Municipal de Ferrol, no Teatro Jofre con Andrés Pazos. Logo diplomouse na Escola coruñesa Casahamlet, onde traballou en espectáculos dirixidos por Manuel Lourenzo e Theodor Smeu. Posteriormente traballou como actriz en Teatro de Ningures , no CDG ou en Teatro do Morcego con Celso Parada. Como clown, ten traballado no Theatre Organic (Francia) e en Os sete magníficos +1 (Compañía do FESTICLOWN). Ademais ten recibido e impartido unha chea de obradoiros nesta disciplina. Leva gañados dous Premios de Teatro María Casares: Mellor actriz secundaria por Tartufo (Teatro de Ningures) e Mellor actriz protagonista por Pequenos Actos Pseudorrevolucionario.

SANTIAGO CORTEGOSO: é actor, director de escena e autor de textos teatrais. En 2010, promove o seu propio selo de creación, IBUPROFENO TEATRO, co que leva producidos A filla de Woody Allen (finalista nos Premios Max 2011 a Mellor autor en galego), Pequenos ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS (Premio María Casares 2013 a Mellor texto orixinal) e FITNESS (espectáculo de rúa). Outros dos seus traballos como autor son: SMOKE ON THE WATER (Premio MOME Varela Buxán 2013, do Concello da Estrada), El charco de Ulises (becado en Iberescena 2010 e editado por Artezblai) ou 0’7% MOLOTOV (Premio Rafael Dieste 2009, publicado pola Deputación da Coruña, estreado por Teatro de Ningures, nomeada a Mellor texto orixinal nos Premios María Casares 2012 e finalista nos Premios Max 2012 a Mellor autor en galego).

ISABEL RISCO: Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos con mestres como Eric de Bont, Jango Edwars, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, Claudia Contín, Angel Burgos, Sophie Gazel, Carlo Colombaioni, Pablo Muñoz, Johns Pappila, Manuel Lourenzo ou Carlo Bosso. Dende o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas -coas que ten participado nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península- e na compañía Maquinaria Pesada, con espectáculos de produción propia como As Vingadoras ou Nabiza Girl & Unha Viaxe EspaZial. Dende o ano 2001 forma parte de Trinketrinke Teatro, especializada en teatro infantil e dinamización á lectura. No 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade.

Categoría: Novas
Etiquetas: