A Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA) organiza o próximo martes 29 unhas xornadas no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela sobre a recentemente aprobada Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, unha Lei que ven a regular a reforma do sector audiovisual, un sector que cobra cada día unha maior importancia na sociedade, transformando os nosos hábitos e a nosa actividade cotiá.
A revolución tecnolóxica derivada da TDT aumentou a oferta televisiva e a posibilidade de ver novos contidos, novos programas. Esta norma contempla novas formas de comunicación e regula os novos modelos de negocio, como a televisión en Alta Definición, a televisión de pago e a televisión a través do móbil. A Lei Xeral da Comunicación Audiovisual regula tamén a convivencia entre a televisión pública e a privada e crea o Consello Estatal de Medios Audiovisuais (CEMA), Organismo de regulación e control.
Para tratar do alcance e dos efectos desta Lei sobre a industria audiovisual, participarán nesta xornada prestixiosos ponentes dos distintos ámbitos do sector: académicos e profesores universitarios relacionados coa comunicación audiovisual, profesionais e expertos do sector, directivos das televisións públicas e privadas, así como representantes do sector da produción audiovisual.