Dende o luns 15 de setembro o trailer da última produción de Mr Misto Films e Carlos Seijo, “Pode ser”, está dispoñible na web www.curtametraxes.com. A obra foi gravada no IV Festival Creativo de Curtas On&Off de Ribadeo que organiza a produtora en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a través da Axencia Audiovisual Galega, e máis co Concello de Ribadeo.
A peza, unha intensa historia de amor interpretada por un reparto tan prestigioso coma Camila Bossa e Tonhito de Poi, presentarase oficialmente o venres 3 de outubro no salón de actos da Fundación Caixa Galicia da Coruña, aínda que algúns afortunados xa puideron deleitarse cunha pre-montaxe exhibida o pasado mes de agosto na gala de clausura do On&Off.
Seijo grazas a ser o gañador da sección A Toda Mecha no ano anterior do Festival con Sen escrúpulos, coa que nos seducíu a través da súa particular visión da vida e do amor, foi o director convidado nesta IV edición. “Pode ser” constitúe, xa, a cuarta produción do coruñés, despois de abordar diferentes traballos de curtametraxe e videocreación.