VILAMOR, GALARDOADA NO INTERNATIONAL FILM FESTIVAL FOR PEACE, INSPIRATION AND EQUALITY DE JAKARTA

26 / 06 / 2012

Vilamor, a nova película de Ignacio Vilar, producida por Vía Láctea Filmes e protagonizada por Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez, recibiu o premio á excelencia no International Film Festival for Peace, Inspiration and Equality de Jakarta, que se celebrará na capital indonesia do 30 de agosto (día en que se entregarán os galardóns no Blitzmegaplex) ao 21 de setembro, para conmemorar o Día Internacional da Paz.

Outro traballo español, Hamletmachine, de Agustín Calderón, recibiu similar recoñecemento na categoría de curtas. O galardón para Vilamor en Jakarta súmase a súa recente selección para competir no New York City International Film Festival 2012, que se celebrará do 9 ao 16 de agosto, e coa nominación do tema principal do filme, O sol da liberdade, de Zeltia Montes, nos premios internacionais Jerry Goldsmith, como mellor canción para cine. Estes galardóns entregaranse o 28 de xuño en Córdoba. Vilamor, que está inspirada nunha comuna real que se instalou nos anos 70 nas montañas de Lugo, foi obxecto dunha intensa labor promocional por parte do seu equipo, que ven recorrendo Galicia dende finais de marzo coa Caravana Vilamor. O filme aínda segue en cartel en Santiago de Compostela, con dous pases diarios ata o mércores 27 de xuño na sala da SGAE, grazas á súa boa acollida por parte do público galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: