VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual: a prevención de violencias e acoso no sector audiovisual, tema central deste ano

24 / 09 / 2024

Entre os días 1 e 3 de outubro a cidade de Ourense converterase no escenario do oitavo Encontro de Academias de Cine e Audiovisual. A Academia Galega do Audiovisual organiza esta cita, que poñerá o foco nunha cuestión coa que o sector está particularmente sensibilizado nos últimos tempos: a prevención de violencias e acoso no ámbito audiovisual. O programa incluirá actividades abertas ao público que serán emitidas en streaming, co propósito de concienciar e formar ás e aos profesionais do sector sobre a importancia de garantir contornas laborais seguras e libres de violencia.

Prevención de violencias e acoso

As academias de cine e audiovisual

están a liderar a creación de protocolos de actuación fronte ao acoso e unidades de atención ás vítimas no sector audiovisual. O Encontro de Academias constituirá o primeiro foro no que as diferentes academias poñan en común estas iniciativas, que promoven unha cultura laboral que rexeita o acoso e apoia ás vítimas de maneira efectiva e empática.

O mércores 2 de outubro, na charla inaugural presentarase a Unidade de prevención e atención contra as violencias no sector audiovisual e cultural promovida polo Ministerio de Cultura e a Academia de Cine. Lucía Morale, asesora do Ministerio de Cultura e Inés Enciso Merino, coordinadora da área de Desenvolvemento e Investigación da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, explicarán en que consiste esta iniciativa, que nace para previr e atender as violencias machistas no contexto laboral do sector audiovisual e cultural. Despois do anuncio da súa creación, que tivo lugar en maio, esta será a primeira ocasión na que o Ministerio e a Academia de Cine explicarán os avances na posta en marcha da unidade, así como na creación dun protocolo de boas prácticas para o sector audiovisual, que poida ser aplicable a outros ámbitos da cultura e as artes.

A continuación será o turno da Acadèmia del Cinema Català, coa intervención de Neus Pérez Romero, coordinadora do Departamento contra os abusos no sector audiovisual e das artes escénicas de Cataluña e Laia Aubia, directora da Acadèmia, quen explicarán o funcionamento do servizo de atención ás vítimas de acoso no sector. En 2022 poñíase en marcha esta iniciativa pioneira no ámbito estatal onde se proporciona asesoramento xurídico e psicolóxico ás vítimas, se identifican os puntos de atención existentes e tamén se ofrece terapia grupal.

Para finalizar as sesións abertas ao público, a experiencia da Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual (AVAV). Sara Mansanet Royo socia da AVAV e secretaria de CIMA  presentará o Protocolo de prevención e medidas contra o acoso por razón sexual, de xénero e/ou abuso de poder dentro do ámbito laboral das artes escénicas e audiovisuais valencianas, unha iniciativa transversal posta en marcha desde a  Acadèmia Valenciana xunto á delegación en Valencia de CIMA, a asociación de Actores y Actrices Profesionales Valencianos e a Asociación de Empresas de Artes Escénicas del País Valencià.

Estas sesións serán de acceso libre ata completar capacidade e tamén poderán ser seguidas por streaming a través desta web.

Novo Convenio de técnicos da industria audiovisual

O xoves 3 terá lugar unha sesión informativa sobre o terceiro Convenio de técnicos da industria audiovisual a cargo de Écija Abogados, una firma especializada en medios de comunicación, sector tecnolóxico e telecomunicacións. Nela, Carlos Carril Rodriguez e Jaime Otero Ortiz mánagers da área laboral do despacho, abordarán as modificacións introducidas no novo convenio do sector audiovisual, tanto dende o punto de vista legal como laboral. Otero Ortiz foi un dos participantes na negociación do convenio.

O acceso á charla será libre ata completar aforo.

Lugares de Interese Cinematográfico e xuntanza das academias

Outro dos pratos fortes do encontro será o anuncio dos lugares designados este ano como Lugares de Interese Cinematográfico, unha distinción que pon en valor espazos de relevancia patrimonial, cultural e histórica vinculados á industria audiovisual.

No transcurso do Encontro de Academias de Cine e Audiovisual tamén terán lugar xuntanzas de traballo internas por parte das sete academias peninsulares que se reúnen este ano: a Academia Galega do Audiovisual, que será a anfitrioa, a Academia de Cine de Andalucía, a Academia Aragonesa de Cine, a Acadèmia de Cinema Català, a Academia de Cine de Extremadura, a Academia Portuguesa de Cinema e a Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual.

O VIII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual celébrase no marco do Festival de Cine de Ourense (OUFF) grazas ao apoio da Deputación de Ourense.

Categoría: Novas
Etiquetas: