A terceira edición do Festival Internacional de Cine Gai e Lésbico de Canarias, que se celebrou entre o 21 e 27 de xaneiro, outorgou o premio á mellor Tv movie a “Vida de Familia” de Llorenç na que Adiviña Service puxo os medios de gravación en HD, montaxe e postproducción. Susana Maceiras é produtora executiva desta película na que Rita Romeu foi a montadora e Luís Longueira o operador de cámara. O Festival do Sol que conta co respaldo de distintas institucións canarias, trata de mostrar o mellor do cine gai e lésbico a nivel internacional. O xurado, composto por críticos de cine e membros dos colectivos de gais e lesbianas de Tenerife, premiou como mellor traballo á tv-movie española “Vida de familia” de Llorenç, unha historia baseada en feitos reais sobre unha parella sentimental formada por dúas mulleres, Marta e Vanesa, que decide ter un fillo. No camiño para conseguilo, atoparanse con moitos problemas, a maioría debidos á súa condición sexual. O xurado valorou nesta obra que saiba “retratar dun xeito realista e sen dramatismos os novos modelos de familia”. Ademais, unha das protagonistas do telefilme, Ana Fernández, fíxose co premio á mellor actriz pola súa maxistral forma de “asumir a madurez sen complexos”.