Uxía Caride: “Desde todos os sectores debemos reivindicar os espazos de pensamento e crítica”

18 / 07 / 2022

Uxía Caride leva dez anos a cargo da xerencia da Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI, unha asociación que, desde 1994 agrupa a produtoras de cine, televisión, publicidade e servizos e contribuiu, de xeito decisivo, á consolidación do sector audiovisual galego. Durante este tempo, considera que o sector viviu unha evolución “moi positiva” que o leva a ser, na actualidade “moi recoñecido internacionalmente” grazas ao talento que o integra.

Falamos con ela sobre a actualidade da industria audiovisual e da cultura en Galicia e sobre o seu traballo “na sombra”. 

Levas unha década a cargo da xerencia de AGAPI. Como valoras a evolución da asociación desde que asumiches o cargo ata os nosos días?

Nestes dez anos como xerente de AGAPI, o sector audiovisual galego mudou moito. As empresas asumiron a internacionalización como parte do traballo. A coprodución tamén pasou a ser a forma habitual de levar adiante os proxectos. Sen embargo, os cambios nos modelos de produción, distribución e consumo están aínda consolidando un novo escenario. VIvimos tempos incertos nos que a lexislación audiovisual que vén de ser aprobada en España supón un duro golpe para a produción independente.

Nese período, cal consideras que foi a evolución do sector audiovisual en Galicia?

Os maiores cambios teñen relación coa superación das barreiras idiomáticas, agora prodúcese moito máis en versión orixinal galega sen que supoña un problema á hora de buscar alianzas e financiar os proxectos. A chegada das plataformas naturalizou as historias locais e permitiu un aumento da produción, se ben é certo segue sendo moi necesario contar cunhas reglas de xogo que permitan que as empresas independentes poidan traballar con solvencia e mantendo os dereitos de propiedade intelectual. Se non se consiguen equilibrar as forzas da produción independente viviremos unha debacle na diversidade cultural e lingüística e acabaremos abocados ao discurso único.

“Se non se consiguen equilibrar as forzas da produción independente viviremos unha debacle na diversidade cultural e lingüística e acabaremos abocados ao discurso único.”

Uxía Caride, xerente de AGAPI

Se tiveras que elixir un fito do noso audiovisual dos últimos anos, cal sería?

Esto é ben difícil, non podería destacar só un. Nos últimos anos son moitas as empresas que conseguiron cos seus proxectos un recoñecemento internacional moi destacado.  Porén o audiovisual galego desperta atracción en todos os foros e mercados do mundo por ter xa asentada unha marca de garantía e calidade, o que supón un gran orgullo para todas as persoas que formamos parte do mesmo.

Uxía Caride

Podes compartir connosco algunha anécdota dos teus anos en AGAPI?

Gardo moi bós recordos de moitos momentos de traballo, pero por compartir un, a festa do 25 aniversario da Asociación foi moi fermosa por recoñecer e agradecer de forma pública a Dolores toda a súa dedicación tantos anos como presidenta de AGAPI.

En que consiste o traballo de xerencia?

O traballo da xerencia, polo menos no meu caso, conleva múltiples funcións. 

A defensa sectorial da produción independente é un dos obxectivos de Agapi e para levala adiante hai unha axenda de reunións moi ampla que hai que atender e que conleva asistir a xuntanzas, elaborar informes, memorias e actas.  

Outra das miñas ocupacións é o deseño e coordinación de proxectos e xornadas formativas. Recentemente vimos de lazar a I edición do Agapi Impulsa Copro que ten como obxectivo o asesoramento de proxectos.que tiene como objetivo la asesoría de proyectos e en xullo celebramos unha xornada sobre aspectos xurídicos no sector audiovisual e outra sobre márketing e comunicación en produtoras.

O meu traballo diario céntrase en estar en contacto coas empresas para informalas de todo o que poida ser de interese, dándolles un servizo permanente de apoio  e asesoría en cuestións transversais e problemas comúns, así como tamén en labores de comunicación, coa elaboración de notas de prensa, táboas de datos, publicacións e atención nas redes sociais e na web de Asociación. 

Desde AGAPI buscamos traballar a prol do ben común e para iso promovemos melloras na lexislación e liñas de subvencións con un contacto permanente con institucións e organismos de todo tipo que fai que permanentemente revise e prepare documentación de traballo que poida servir de guía para acadar estes obxectivos.

Toda esta labor de xestión vai sempre acompañada do control da parte económica que é, se cadra, unha das funcións máis importantes para facer que Asociación funcione no tempo, xustifico subvencións e controlo a facturación e contabilidade co apoio dunha asesoría externa.

O traballo asociativo tamén consiste en tecer rede e colaborar con outras entidades, neste sentido desde hai dez anos formo parte da Xunta Directiva da Feira Culturgal que levamos adiante anualmente con outras asociacións como a Asociación Galega de Editoras (AGE), Escena Galega, Eganet e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), un traballo moi bonito no que me ocupo da programación do espazo audiovisual na Feira.

Como ves a xerencia, no meu caso, supón unha diversidade de funcións que abranguen desde a xestión cultural ata a produción. En resumo, un traballo amplo e diverso que non permite a monotonía, algo que valoro de forma moi positiva.

Diversas entidades do sector como AGAPI, a propia Academia ou o Clúster teñen a mulleres ocupando o cargo de xerencia desde hai anos, pero o voso traballo non adoita a ser moi coñecido incluso dentro do propio sector…

Digamos que facemos un traballo na sombra necesario para que as cousas sucedan pero que non adoita a ser coñecido. O traballo de xestión é multitarefa e moitas veces esto é o que define que sexa desempeñado por mulleres. Temos capacidade para facer moitas cousas ao tempo pero pouco impacto mediático, dáse por feito que sabemos facelo ben. 

“O traballo de xestión é multitarefa e moitas veces esto é o que define que sexa desempeñado por mulleres. Temos capacidade para facer moitas cousas ao tempo pero pouco impacto mediático, dáse por feito que sabemos facelo ben.”

Uxía Caride, xerente de AGAPI

Es profesora asociada no Grao de  Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Que balance fas da túa traxectoria como docente? 

Son profesora asociada da USC desde hai catro anos, traballo que compatibilizo coa xerencia de AGAPI. Fago un balance moi positivo, o contacto co alumnado permite ter unha visión externa das cousas e á vez posibilita coñecer outras visións.  O que máis me gusta é traballar sobre estudos de caso reais que permiten tender esa ponte necesaria entre o mundo académico e profesional. A materia que imparto ‘Análise das manifestacións culturais nos medios’ ten moita relación coa análise do discurso e precisa dunha actualización permanente que me empurra a aprender cada día.

Que che gusta facer cando non estás traballando para o audiovisual ou exercendo a docencia?

Cando non estou traballando gústame asistir a eventos culturais de todo tipo: cine, teatro, literatura etc… Santiago é unha cidade que permite complementar moi ben a miña axenda de lecer, pero a cultura non debe ser só iso e desde todos os sectores debemos reivindicar os espazos de pensamento e crítica. 

Categoría: Novas
Etiquetas: