Capacitar persoas para atender todos os ámbitos da industria musical é o obxectivo do I Máster en Industria Musical que se impartirá en Galicia e que se presentará este venres 4 de xullo ás 12 do mediodía nas Bodegas Martín Códax en Cambados. Nesta nova titulación, a Universidade de Santiago de Compostela abordará os aspectos artístico, estético, sonoro, loxístico, de xestión, produción e comercialización da industria musical actual. O seu obxectivo é conformar unha xeración de profesionais capacitados para a xeración de activos, a creación de valor engadido e a xestión de recursos artísticos e loxísticos na industria musical de Galicia.
A presentación será unha oportunidade histórica que xuntará arredor dunha mesa representantes da universidade e de diferentes sensibilidades musicais e ámbitos profesionais, con proxección tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pola Universidade de Santiago de Compostela, asisten o vicerreitor da Coordinación e Comunicación da USC, Xosé Pereira, e o director do Máster e profesor da USC Xaime Fandiño; o sector profesional e artístico estará presentado por músicos de éxito como Cristina Pato e Iván Ferreiro; Nicasio Gradaille, profesor de piano e integrante do innovador Taller Atlántico Contemporáneo; o empresario Ángel Martínez, xerente de Espectáculos Lito, o maior representante galego de orquestras de verbena, entre elas, a Panorama e a París de Noia; e o director da axencia Esmerarte Joaquín Martínez (Kin), manager, entre outros, de Vetusta Morla e Xoel López e organizador do festival Portamérica.
O máster contará coa partipación activa de músicos, managers, produtores, compositores, promotores e xestores dos diferentes subsectores da industria musical. O alumnado poderá, grazas a eles, coñecer de primeira man a experiencia de reputados profesionais e artistas da industria e servirá para establecer accións de networking pensadas para favorecer a inserción laboral dos egresados. Este contacto directo facilitará tamén a orientación dos nosos alumnos en función dos seus intereses cara a unha carreira nas áreas artísticas ou de xestión.
Este programa de posgrao resulta idóneo para titulados en CC da Información, Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Historia da Arte e CC Económicas e Empresariais, entre outras. Os licenciados ou graduados en conservatorios superiores de música teñen tamén neste máster unha atractiva proposta académica con saídas profesionais na industria musical, así como a docencia e a investigación en música popular contemporánea, dentro da área internacionalmente coñecida como popular music studies.
Prazo de preinscrición
O prazo de preinscrición no I Máster en Industria Musical da USC remata o 31 de agosto de 2014.
Programas e inscrición
Os datos sobre o Máster xa están dispoñibles nestas dúas páxinas web:
www.masterenindustriamusical.com
Información sobre o master na páxina da USC
A industria da música
A industria da música ten un peso específico na economía española do 0,49% do PIB. Segundo o ‘Libro Blanco de la Música 2013’, o impacto económico da industria da música en España ascendeu ó longo de 2012 a máis de 5.058 millóns de euros, se sumamos tanto as actividades directas como as inducidas. Promusicae –a entidade que engloba a maior parte dos produtores de música en España- cifra o impacto directo da actividade musical en 907 millóns de euros, mentres que o inducido ascendería a 4.151 millóns de euros.
Sobre Canal Campus
O I Máster en Industria Musical é unha iniciativa do equipo de investigación Canal Campus, un grupo multidisciplinar de docentes, investigadores e profesionais que aspira a facer da música unha saída profesional sustentable.
Cremos que para iso é preciso promover unha masa crítica e profesional con capacidade de crear activos musicais, así como públicos, audiencias e circuítos que permitan consolidar unha industria que permita afianzar carreiras profesionais a longo prazo dentro e fóra de Galicia.
Como institución imparcial, a USC pode e debe xogar un papel fundamental neste proceso modernizador e para acadalo promovemos iniciativas académicas, investigadoras, profesionais e solidarias, así como unha alianza estratéxica co tecido empresarial do noso país.
Levamos varios anos realizando a nosa actividade investigadora dentro do ámbito dos Popular Music Studies, unha área académica centrada na música popular contemporánea e agrupada en torno á IASPM (International Association for the Study of Popular Music), con destacada presenza no mundo académico anglosaxón e de recente implantación no noso país.
Canal Campus forma parte do Grupo de Investigación GI-1786 – Estudos Audiovisuais – Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía [www.estudosaudiovisuais.org] da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Contacto e información
www.masterenindustriamusical.com
info@masterenindustriamusical.com