Unha nova imaxe para unha Academia aberta, diversa e próxima

18 / 06 / 2018

A Academia Galega do Audiovisual ven de redeseñar a súa imaxe para achegala á realidade que representa, unha asociación en permanente evolución. Este espazo de carácter aberto e cambiante, que agrupa a máis de 360 profesionais do eido audiovisual galego, foi incorporando en 16 anos de existencia, perfís de disciplinas moi diversas, algunhas delas de recente aparición, pero que gardan nexos comúns na súa visión do sector e o traballo que desenvolven.

O estudo encargado do redeseño foi Ekinocio, que preserva a esencia do proxecto inicial -a suma de forzas nunha Academia representativa, marcada por ese A maiúsculo de sempre- mais ábrese unha segunda dimensión que representa ao público, contemplando as dúas visións inherentes aos procesos de creación audiovisual -emisor e receptor- nun xogo de plano e contraplano.

Liñas sinxelas e angulacións que evocan os traxectos entre a cámara e o elemento filmado, o ollo e a pantalla, a proxección da promoción comercial ou un play que chama á interacción… nun universo marcado pola diversidadede de productos, formatos e narrativas que abarca desde o cine e a televisión aos videoxogos e o audiovisual máis vangardista e experimental.

A parte máis identitaria da proposta chega da man dun cambio cromático cara tonalidades máis atlánticas, deixando atrás o laranxa en favor do azul e do verde para vestir un símbolo conformado por diagonais, que lonxe de delimitar, abren un mundo de posibilidades, reflectindo a actitude evolutiva e receptiva da Academia.

Liñas abertas e cores atlánticas, en fin, para un símbolo que mantén a esencia da Academia e reflicte a súa actitude aberta nun contexto cambiante. O símbolo que evoca a proxección adiovisual no seu senso máis amplo,onde conflúen novos formatos e narrativas, incorporando os dous planos inherentes aos proxectos audiovisuais, a mirada creadora e a do público. Unha forma inconclusa para un universo en constante evolución.

O vídeo de presentación é obra de Chiripa.

Categoría: Novas
Etiquetas: