O 16 de decembro remata o prazo para presentar candidaturas á sétima edición dos Premios Mestre Mateo que convoca a Academia Galega do Audiovisual. As empresas produtoras e os profesionais do audiovisual galego poderán seguir presentando ata entón os seus traballos para optar aos premios Mestre Mateo 09 convocados pola Academia Galega do Audiovisual.
A Academia mantén as 26 categorías do ano pasado, polo que poden aspirar a estes galardóns as longametraxes, películas, series e programas para televisión, documentais, curtametraxes de ficción e animación, obras experimentais, obras publicitarias e obras interactivas así como os profesionais que participen nestas producións –agás nas curtametraxes, obras experimentais, publicitarias e interactivas- e que cumpran os requisitos das categorías específicas.
Calendario dos Premios Mestre Mateo 09.
Ata o 16 de decembro: recepción de candidaturas.
8 de xaneiro: publicación de candidaturas aceptadas e ábrese o prazo de alegacións de socios.
18 de xaneiro: péchase o prazo de alegacións (ás 13:00 horas).
20 de xaneiro: publicación das candidaturas definitivas presentadas.
1 de febreiro: envío de papeletas para a primeira rolda de votacións.
26 de febreiro: finaliza o prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
8 de marzo: publicación dos finalistas.
9 de marzo: envío de papeletas para a segunda rolda de votacións.
5 de abril: fin do prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
abril – maio: GALA PREMIOS MESTRE MATEO 09