TVG ESTREA A SEGUNDA TEMPORADA DO PROGRAMA CASAMOS! NA NOITE DOS SÁBADOS

13 / 01 / 2012

O vindeiro sábado 14 de xaneiro TVG vístese de voda para estrear en horario de máxima audiencia a segunda temporada do popular programa “Casamos! A Historia de Amor de…”. Tras o gran éxito da súa primeira entrega, que acadou cotas de audiencia do 17% na franxa de sobremesa, o espazo seguirá achegando ás pantallas algunhas das vodas máis románticas, divertidas e entrañables, agora en horario nocturno de prime time.

O primeiro programa estará protagonizado por Mª Rosa e Raúl, unha parella madura que comezou a súa relación a través do programa da Radio Galega “Pensando en ti”, e que conmoveu a milleiros de ouvintes a través das ondas. A súa emotiva historia chega por fin a todos os galegos para amosar os detalles da súa voda en Agolada (Pontevedra).
O programa posiciónase como unha clara aposta por facer visibles historias reais de superación, renovando un formato no que destaca o triunfo do amor sobre as dificultades. Outros programas desta edición retratarán as vodas dun divertido campión de motos, un coñecido mago, unha parella de mozos xitanos, uns divorciados flowerpower ou uns noivos brasileiros, entre moitos outros, enchendo de emoción as pantallas coas súas románticas historias.

Da man destas parellas, os espectadores poderán descubrir semana a semana historias de amor que amosarán as particularidades de cada noivado, os nervios dos preparativos nupciais, as opinións e desexos de amigos e familiares, as declaración de amor máis románticas e as expectativas, preocupacións, conflitos e ilusións dos noivos.

Categoría: Novas
Etiquetas: