A TVG CONCLÚE A REFORMA INTEGRAL DO SEU CONTROL CENTRAL E DOS SEUS ESTUDOS DE PRODUCIÓN

30 / 10 / 2012

A Televisión de Galicia concluíu a reforma integral da estrutura do seu control central e dos seus estudos de produción. Esta nova infraestructura, cun equipamento de última xeración e coas máis novidosas tecnoloxías do mercado, permite o tratamento de sinais en alta definición.

O novo control central da TVG incorpora unha matriz de alta definición 3G, que pode alcanzar un tamaño de 512 entradas e ata 1.024 saídas. Integra un sistema de presentación multipantalla que substitúe ao monitorizado tradicional por varias pantallas grandes, e que permite compoñer un panel de monitorizado que se axuste ás necesidades de cada produción. Hase acometido tamén a renovación completa dos estudos de produción, coa substitución de todos os elementos, desde as cadeas de cámara, pasando polos misturadores de vídeo, ata un sistema de servidores de vídeo con almacenamento compartido e centralizado. Así mesmo, cambiouse o mobiliario técnico, cun novo deseño máis axustado aos equipos actuais,  e realizouse un novo cabreado.

Ademais, a renovación da sala de enlaces permite unificar o sinal de todos os provedores, con dúas áreas, de contribución e distribución de programas, e coa actualización de todos os equipos de transmisión de rede que empregan tecnoloxía de vídeo sobre IP. Esta reforma, cuxo obxectivo é adaptarse a un escenario cambiante no que os medios de produción sofren unha continua evolución que modifica os métodos tradicionais de traballo do sector, supón, segundo a TVG, “un incremento de calidade e de prestacións”, ademais dunha “mellora a capacidade de produción”, e permite “satisfacer todas as necesidades que se poidan presentar nun estudo”. A redistribución e optimización dos espazos posibilitou tamén a mellora da habitabilidade, da ergonomía dos postos de traballo e da operatividade.

Categoría: Novas
Etiquetas: