Tres concertos da Orquesta Sinfónica de Galicia, un ensaio aberto ao público, tres masterclass e un obradoiro son as actividades principais da Semana das Músicas do Audiovisual, que celebrará a súa primeira edición a partir do vindeiro 23 de setembro en catro cidades galegas: A Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense.
A Semana das Músicas do Audiovisual é un novo festival, dirixido polo compositor Nani García, que dará protagonismo as músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais, ofrecendo aos espectadores as mellores composicións en cada xénero e aos profesionais e interesados na música do audiovisual a posibilidade de ampliar coñecementos sobre composición, produción e interpretación dun tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte. Segundo Nani García, director artístico da SEMUA, a intención do festival é “darlle protagonismo aos músicos e ás músicas, queremos darlle audiovisibilidade a un traballo moi importante e que non sempre se coñece como é debido”.
A Orquesta Sinfónica de Galicia será a gran protagonista desta primeira edición da Semana das Músicas do Audiovisual, ofrecendo tres concertos e un ensaio aberto ao público. Segundo Andrés Lacasa, xerente da OSG, “esta é unha cita que se prolongará no tempo porque hai música para tocar como para facer 150 edicións”. O presidente da AGA, Carlos Ares, apuntou que este festival era un reto obrigado para a Academia que xa levaba anos “querendo poñer en marcha unha iniciativa que dese protagonismo aos músicos”. Ares apuntou tamén que a SEMUA era a “suma de forzas de institucións como a propia AGA, a SGAE e a Orquesta Sinfónica de Galicia”.
O primeiro dos concertos (venres, 23. Pazo da Ópera. A Coruña. 20.30 H) interpretará as grandes bandas sonoras dos clásicos do cine, de Star Wars a E.T. Os outros dos concertos serán en Ferrol e Ourense, os días 29 e 30 respectivamente. A Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá un repaso ás principais composicións para cine compostas en España durante os últimos anos, con especial atención a compositores galegos como Xavi Font, Sergio Moure, Manuel Riveiro ou Zeltia Montes. Músicas de películas como O Apóstolo, El laberinto del fauno o Capitán Trueno.
Xunto cos concertos, a Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá un encontro cos espectadores (xoves, 29 de setembro, 10.00 h. Pazo da Ópera. A Coruña) nun ensaio xeral aberto no que, ao rematar, haberá un pequeno debate cos compositores asistentes e moderado polo director da SEMUA, Nani García.
A Semana das Músicas do Audiovisual ten dúas características fundamentais ademais da súa intención de chamar a atención dos espectadores sobre as músicas para cine ou televisión. A primera delas é o seu caracter itinerante por Galicia, con catro cidades nesta primeira edición, e de ser unha cita musical cun apartado adicado a profesionais ou especialistas da música. Para isto, a SEMUA desenvolverá obradoiros e masterclass nas que participarán os compositores e especilistas máis importante do panorama internacional. Nesta primeira edición estarán presentes nestas citas Pasca Gaigne, Sergio Moure, Fernando Velázquez, Manu Riveiro.
A Semana das Músicas do Audiovisual é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual coa Orquesta Sinfónica de Galicia e a Fundación SGAE.
Programa Semana das Músicas do Audiovisual (PDF)
Inscrición Masterclass Luís Ivars
Inscrición Masterclass Pascal Gaigne e Sergio Moure
Inscrición Masterclass Fernando Velázquez e Manu Riveiro