Sesenta persoas maiores de Ribadeo, Vilalba e Mondoñedo participan na primeira xornada de “As Grandes Curtas”, unha iniciativa innovadora coa que a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, en colaboración coa Secretaría Xeral do Benesetar da Vicepresidencia da Xunta, queren achegar o mundo da curtametraxe ao colectivo maior do país ofertándolles un programa de ocio activo, que inclúe a proxeción dunha escolma de curtametraxes, un xantar e unha visita guiada pola Cidade Histórica de Santiago.
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, e o Subdirector Xeral de Maiores da Secretaría Xeral do Benestar, Jorge Rubén Sampedro Grande, inauguraron “As Grandes Curtas” no Teatro Principal. En total, 540 persoas maiores de toda Galiza participarán no programa, dividido en nove xornadas con 60 participantes cada unha delas. As vindeiras xornadas serán o luns 20, con participantes tamén de Lugo, o xoves 23, o venres 24, ambas con persoas de Ourense, e luns 27 con persoas de A Coruña. As restantes xornadas desenvolveranse en novembro e decembro.
As curtas que se proxectarán foron escollidas pola súa adecuación ás persoas maiores, moitas das cales non tiveron nunca oportunidade de ver a proxeción dunha curtametraxe, polo que será unha nova experiencia. As temáticas que se tratan nas curtas van dende a felicidada na terceira idade, a soidade, a familia, o amor, o sexo.
As curtas son: A primeira vez, de Borja Cobeaga, O home feliz, de Isabel Lucina Gil, Matar o tempo, de Santos Hevia, Tempada 92-93, de Alejandro Marzoa, As de corazóns, de Silvia González, Good night mon ami, producido por Algarabía animación, e O puzzle, de Belén Macías.
Os participantes tamén disfrutarán dunha visita a Cidade Histórica de Santiago deseñada especificament para o colectivo por Turismo de Santiago. Na visita percorrerán a Praza da Inmaculada, a Praza da Quintana, a Porta do Perdón, a Porta Santa, a Praza das Praterías, a Praza de Fonseca, e as rúas do Franco e da Raíña.