A SERIE “MATALOBOS” SELECCIONA TODO TIPO DE FIGURANTES PARA A NOVA TEMPADA

22 / 06 / 2012

Voz Audiovisual, produtora da serie Matalobos, anuncia a celebración dun gran cásting de figurantes, para todo tipo de persoas. Altos, baixos, xoves ou maiores; toda aquela persoa que teña interese por participar pode achegarse a esta gran selección. Búscase xente con e sen experiencia, de tódalas idades e complexións físicas. Só é imprescindible ter a  documentación en regr a para poder ser contratado.

Nenos pequenos

Ademais deste cásting aberto a todo tipo de figuración, a produtora busca dous perfís concretos, ambos infantís e os dous de varóns. Por un lado, búscase un bebé, de sexo masculino, duns seis meses de idade ou que os aparente. Tamén se busca un neno duns dous anos de idade. En ambos casos, valorarase a existencia de irmáns xemelgos, pois facilita moito a gravación, ao permitir facer máis descansos cos nenos; pero non é condición necesaria. Os responsables da selección valorarán tamén o parecido cos padres na ficción, aínda que esta é unha información que a produtora garda en segredo.

Ambos procesos de selección, tanto o de adultos coma o de nenos, celebraranse este luns, 25 de xuño, nas instalacións de Voz Audiovisual, na Calle Gambrinus, número 97, polígono de A Grela, en A Coruña. O horario é de 10:00 a 14.00 horas, e de 15.00 a 17.00 horas. Para presentarse aos cásting non é necesario chamar antes, basta con acudir á cita coa documentación en regra.

Líder de audiencia en Galicia

O pasado 3 de abril, a TVG emitía o último capítulo da cuarta tempada de Matalobos. A serie despedíase ao grande: Líder absoluto, como era de esperar, e récord de audiencia absoluto dos dous últimos anos. A ficción é, ademais, todo un fenómeno nas redes sociais.

Máis información en www.matalobosaserie.com e www.vozaudiovisual.com.

 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: