REUNIÓN DO CONSELLO REITOR DO CONSORCIO PARA O FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE OURENSE

27 / 12 / 2011

O consello reitor, máximo órgano de decisión do Consorcio para o Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, reuniuse o pasado mércores 21 de decembro en sesión ordinaria para tratar, entre outros, asuntos como a presentación da Memoria de Actividades 2011 [pto. 2, Informes da Presidencia] ou a Viabilidade da institución perante o anunciado cese de colaboración orzamentaria da Deputación Provincial no exercicio 2012 [pto.3 da orde do día], malia que aínda non existe comunicación oficial algunha no rexistro do Festival.

No tocante a este último asunto, o encontro recolleu a oferta de Argimiro Marnotes, un dos dous vogais que actúan en representación da Deputación Provincial, para atopar unha vía de solución, cuestión que o Consorcio acepta de bo grado sempre e cando sexa considerada en posteriores reunións do consello reitor.

A presidenta do Consorcio, Isabel Pérez, quere manifestar que apoia inequivocamente a continuidade dun evento considerado patrimonio cultural da cidade e que, sen dúbida, se resentirá de forma notable coa decisión anunciada pola Deputación no seu último pleno. Ademais, anima a que se empreguen os órganos competentes e establecidos legalmente, caso do propio consello reitor, máximo órgano de decisión, para albergar a discusión sobre a colaboración da Deputación a outros organismos sen competencias para o efecto.

A pertenza ao Consorcio para o Festival Internacional de Cine Independente de Ourense compromete ás dúas institucións que o constitúen: o Concello de Ourense e a Deputación Provincial. Calquera decisión sobre o futuro do Consorcio deberá ser froito, xa que logo, do acordo ao que cheguen as dúas entidades que o forman, a diferenza doutros convenios e colaboracións que se podan manter con outro tipo de asociacións ou institucións privadas.

Actualmente, o Festival de Cine traballa na programación anual de cine para 2012, pero tamén na regulación das bases para o vindeiro festival, o decimosétimo, esforzos ambos que requiren dun apoio económico mínimo se a intención é, tal e como se plantea a filosofía do Consorcio, servir como axente dinamizador da Cultura da nosa provincia e catalizador de sinerxias no audiovisual galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: