Esta fin de semana remata a gravación de VIVA MONES, un documental de Xosé González producido por Domingo Díaz que trata de sacar á luz o esforzo dun pobo que se resiste a seguir perdendo habitantes.
A estrea celebrarase no mes de xullo en Mones (Petín – Ourense) e A Coruña, e a comercialización faráse a través da súa propia web que permitirá a compra do DVD e a descarga en diversos formatos.
A gravación iniciouse a finais de xuño de 2008 cando a ASOCIACIÓN DE AMIGOS DE MONES organiza unha marcha a pé, desde A Coruña ata a aldea de Mones, no concello de Petín, en Ourense, có obxectivo de chamar a atención sobre a situación de despoboamento que sufre esta aldea.
Durante os nove días que durou a marcha o equipo de produción acompañou ós camiñantes en todo momento, sendo testigos do esforzo e vivencias dos marchadores.
O documental construiuse seguindo as imaxes da marcha, etapa tras etapa, que se foron completando con grabacións de entrevistas e recursos unha vez realizada unha primeira montaxe.
Sinopsis Breve
O pobo de Mones tomou unha decisión: Loitar. Loitar contra ese inimigo asoballante que é o esquecemento. Algo moi especial ten que xurdir nesas terras, que se transmite aos espíritus dos indomables moneses, para levalos a atravesar Galicia reivindicando o que é o seu ben mais prezado: O seu pobo.