Ramón Villares pronuncia a conferencia inaugural El iberismo como idea y como proyecto con motivo do IV Encuentro de Academias de Cine Ibéricas. A partir das orixes do iberismo como proxecto político, o historiador chairego desenvolve a idea do iberismo cultural como reivindicación da diversidade cultural na Península Ibérica.
Falamos co Catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela e ex-presidente do Consello da Cultura Galega sobre esta conferencia, que inicia o programa da cuarta edición da cita anual que reúne aos representantes das academias de cine da península.
Que opinión lle merece a celebración deste tipo de iniciativas no marco das relacións entre os distintos territorios que conforman a Península Ibérica?
Eu agradezco moito o convite, sobre todo pola oportunidade que me concede de falar sobre o Iberismo que, como se di no título da conferencia, tendeu históricamente a ser máis ben unha Idea do que un Proxecto, sexa político ou sexa cultural.
Que as Academias do Cinema da península empreguen a definición de ibéricas para min é estimulante. Eu non asistín a ningún dos encontros anteriores, pero cónstame que a sua concepción iberista é moi sincera e decidida, o que significa que me merece non só unha opinión positiva, senón que debo dar os parabéns ao conxunto destas Academias pola iniciativa e polo enfoque que lle dan ao seu traballo.
Que lugar ocupa a idea de iberismo na actualidade, dentro das relacións entre España e Portugal? Hai algún caso de éxito que mereza ser destacado?
O lugar do iberismo é difícil de definir. A idea está presente, pero de forma intermitente, nas Cimeiras dos Gobernos, nas declaracións de algúns dirixentes políticos e, tamén, de escritores e intelectuais. As visións do iberismo, ademáis, son algo diferentes desde cada parte da fronteira: hai máis entusiasmo en España do que en Portugal, talvez porque se confunde con “absorción” ou con “perigo”, segundo sexa o interlocutor. Hai moitos muros simbólicos que derrubar.
En canto a iniciativas concretas, hai moitas a sinalar, no campo das relacións humanas (o tránsito pendular de traballadores é moi elevado), nas infraestruturas a pesar da lentitude da conexión ferroviaria, nas universidades, na cultura… pero se tivera que escoller unha acción importante e recente, sería a da cooperación transfronteiriza, na que a Regiâo Norte de Portugal e a Galiza foron pioneiras no marco da Unión Europea e son, a día de hoxe, a máis activa de todas cantas se constituiron desde principios dos noventa
“As institucións culturais poden e deben aspirar a crear unha sociedade mellor, máis digna e segura”.
Ramón Villares, historiador.
No seu discurso de investidura pola Universidade do Minho, en 2015 mencionou “semellanzas naturais e culturais” entre Galicia e Portugal, que permiten falar dunha “identidade común”. Considera que Galicia debería xogar un papel protagonista nas relacións entre España e Portugal?
Si, claramente. Galicia, como xa soñaba Valentín Paz-Andrade, pode servir de ponte entre dúas grandes culturas como a castellana e a portuguesa e, alén diso, as semellanzas galaico-portuguesas permiten un papel de intermediación que hoxe se está a comprobar no campo da empresa e do comercio, dos servizos e da investigación. A vida cotiá vai por diante da vida oficial
E, máis especificamente, se nos referimos ao eido cultural?
No eido cultural hai dous campos importantes a ter en conta. O primeiro é o lingüístico, no que a Lei Paz-Andrade, aprobada polo Paralmento de Galicia, favoreceu unha aproximación entre as institucións culturais, como foi o caso do ingreso do Consello da Cultura Galega como Membro Observador da CPLP. Outro campo é o universitario, onde hai unha sorte de Erasmus entre Galiza e Norte de Portugal, que vai ter vantaxes para o futuro, sobre todo na permeabilidade de investigadores e trocas de proxectos nas sete universidades da rexión
“A través do cinema e da imaxe é como se pode facer unha pedagoxía da diversidade e da pluralidade cultural: ouvir as diferentes linguas peninsulares sería o mellor camiño para un iberismo cultural integrador e asumido de modo natural”.
Ramón Villares, historiador.
Vostede é coñecido principalmente como historiador, pero tamén ten vínculos notables co sector da cultura: é membro do pleno da Real Academia Galega, é Patrón Numerario do Padroado do Museo do Pobo Galego e foi presidente do Consello da Cultura Galega. Nunha época de incerteza como a que estamos a vivir, cal considera que debería ser a función das institucións culturais?
Que estamos en época de mudanzas e de incertezas é claro, pero non podemos ficar de brazos caídos. As institucións culturais poden e deben aspirar a crear unha sociedade mellor, máis digna e segura. A cultura é a argamasa que terma das sociedades
Baixo a súa presidencia, o Consello da Cultura Galega asinou un protocolo de colaboración co Instituto Camões de Portugal “para proxectar a cultura galega no seu sentido amplio”. Cales foron os froitos desa colaboración?
O protocolo de colaboración do Consello da Cultura Galega foi establecido co Instituto Camões, pero tamén co Instituto Cervantes, o vasco Instituto Etxepare e o catalán Institut Raimon Llull. Todas estas institucións estaban daquela, e seguen a estar agora, debruzadas cara a proxección exterior de linguas e culturas e penso que aquel esforzo debe continuar, por máis que sei que resulta difícil ver os pasos dados.
A Academia Galega do Audiovisual asinou en 2019 un convenio de colaboración coa Academia Portuguesa de Cinema, pero as súas actividades foron interrompidas por mor da pandemia da Covid-19, cales considera que poden ser as vantaxes deste tipo de colaboracións?
Como no caso das linguas e culturas, no caso concreto do cinema as vantaxes poden ser aínda máis directas e fecundas. O cinema non precisa de ser dobrado para ser comprendido e isto facilita moito as relacións. Alén diso, a través do cinema e da imaxe é como se pode facer unha pedagoxía da diversidade e da pluralidade cultural: ouvir as diferentes linguas peninsulares (con axuda no caso do euskaro) sería o mellor camiño para un iberismo cultural integrador e asumido de modo natural
Na súa opinión, cal é a importancia do audiovisual que se fai en Galicia dentro da cultura galega?
Non coñezo ben os últimos pasos dados, pero durante moitos anos, o audiovisual galego gozou dunha grande vitalidade, con un motor importante que é a Televisión Galega, produtoras relevantes e un plantel de actores e actrices moi consoldiado e coñecido fóra de Galicia, entre moitos outros valores.
Fotografía: Consello da Cultura Galega