Qué é a Academia?

18 / 12 / 2008

A Academia Galega do Audiovisual é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa a creadores e profesionais do audiovisual galego (cine, multimedia,  publicidade, televisión, vídeo). Os académicos exercen diversos oficios; traballan en diversos xéneros, medios, empresas e institucións; pensan o seu labor desde diversos postulados estéticos, industriais, ideolóxicos… A Academia é o espazo común para un colectivo diverso con algo que o une: formar parte do audiovisual galego.

“A misión da Academia é a de fomentar o desenvolvemento das artes e das ciencias relacionadas directa ou indirectamente co audiovisual en Galicia, promovendo e defendendo a imaxe pública do conxunto dos profesionais do sector”

A Academia ten entre as súas principais actividades a organización anual dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo. Esta e outras actividades, coma o Foro Academia Aberta, publicacións, obradoiros, debates…, teñen por obxectivo fortalecer o coñecemento do audiovisual galego no máis amplo sentido: que nos coñezamos mellor a nós mesmos –valorando o pasado, diagnosticando o presente, preparando o futuro- e contribuír a que a sociedade –da que formamos parte, a que fai posible o noso traballo- coñeza e valore o resultado do noso labor.

Creada o 30 de maio de 2002, actualmente a Academia Galega do Audiovisual reúne a máis douscentos profesionais que traballan nas diversas especialidades do sector: Arte, Dirección, Escritura, Fotografía, Interpretación, Música, Post-produción, Produción, Promoción e Son.

{morfeo 24}

 

Etiquetas: