A nosa presidenta Ana Míguez e o presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González, asinaron un convenio de colaboración grazas ao cal as académicas e académicos poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación de confinamento provocada pola crise do Covid-19.
PuntoGal, que supera os cinco mil dominios rexistrados, vai continuar a promover este tipo de convenios fundamentalmente “en novos proxectos relacionados coa lingua, a cultura e a tecnoloxía, os tres eixos centrais da nosa actuación, que como a Academia, contribúen á difusión da cultura galega en todo o mundo”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
Para Janeiro “é unha forma máis de sinalar a relevancia que damos aos produtores de entretemento no traballo do dominio. Igualmente, as académicas obteñen dominios a un prezo máis reducido, co obxectivo de propagar o seu uso o máximo posible”.
Pola súa banda, Ana Míguez quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “sen dúbida contribuirá á visbilización global da cultura e o sector audiovisual da nosa comunidade”. Míguez tamén salientou que “a sinatura reforzará o compromiso da Academia co territorio e a presenza das académicas e académicos galegos na rede”.
O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas e asociados da academia poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.