PROXECCIÓN DE PIEDAD NO CGAI

18 / 01 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá sábado día 19 de xaneiro (18.00 horas), dentro da sección da programación Off Galicia, o filme Piedad (2012) de Otto Roca. A  película representa o seguimento emotivo e minucioso dun itinerario de dous anos de vida, primeira longametraxe do fotoxornalista Otto Roca. O propio autor e membros do equipo presentarán o traballo e terán un coloquio posterior co público. A entrada é de balde. PIEDAD    

(España, 2012)
Dirección e fotografía: Otto Roca. Guión: Marcos Nine. Produción: Ximena Losada para Amén Cinema. Duración: 73 minutos.  
Piedad viviu grande parte da súa vida en Leiroso, aldea do Bierzo illada do mundo urbano, na compaña do seu home. Ambos os dous decidiran ficar no lugar, aínda cando os fillos e veciños foran abandonando a aldea. Aos 76 anos aparece o alzheimer na súa vida, o seu home morreu hai xa algún tempo, converténdose así na derradeira habitante do lugar. Malia a todo, a opción de irse do lugar non é algo que tivese en mente. A progresión da enfermidade motiva que Amadeo, o seu fillo máis novo, tome a decisión de levar a súa nai a vivir coa súa familia á cidade da Coruña. Isto provoca un cambio radical na vida de Piedad, no seu cotiá, no seu entorno familiar e nos recordos que ela ten da súa vida anterior. Na nova vida de Piedad, non se sabe que é verdade ou lembranza e que é produto da súa enfermidade.

Categoría: Novas
Etiquetas: