PROGRAMACIÓN DE PLAY-DOC PARA HOXE VENRES

20 / 03 / 2009

O Centro San Xerome da Guarda, e en concreto o seu grupo rock, é o protagonista do documental “Cantos Rodados”. O director Xoel Méndez reflicte nunha película que compite na sección de Documentais Galegos a historia deste grupo, Xerock, que supera as súas discapacidades para subirse a un escenario e dar o mellor de sí.  Esta é a película que abre as proxeccións en Play-Doc hoxe venres ás 12.00h.  

 

A sesión das 16,30h está dedicada tamén a unha historia baixomiñota á de Manuel e Elisa, un matrimonio do Rosal que leva 53 anos casados. O director Manuel Fernández-Valdés compite con esta cita na sección de Documentais Galegos. Dende México chega “Intimidades de Shakespeare e Víctor Hugo” que se presenta na Sección Oficial na categoría de Longametraxes. Este traballo de Yulene Olaizola ten por escenario unha casa de hóspedes na que entre a súa dona e un dos seus inquilinos se establece unha relación case de nai e fillo. Ao falecemento deste último ela descobre os trazos máis escuros da súa personalidade.

O documental afonda no xeito de ser de dúas persoas moi distintas pero cun nexo común. Proxectarase ás 18.30h. A cuarta función do día, ás 20.30h, ofrécenos “Unha persoa na banda” que forma parte dos Documentais de Música da sección Informativa. Adam Clitheroe do Reino Unido reúne nesta cinta a músicos que deciden que unha banda dun mesmo tamén é posible e incluso soa mellor. 

A última sesión do día, ás 22.30h é unha producción anglo-xaponesa dirixida por Sean McAllister titulada “Xapón unha historia de amor e odio”. Esta cinta que compite na sección oficial en longametraxes narra a historia dun home de 56 anos que o tiña todo nos tempos prósperos do Xapón, pero coa caída da economía nipona perdeuno absolutamente todo. Entón é acollido pola súa noiva de 29 anos e pasan a compartir un pequeno apartamento dunha soa habitación. 

Conversas no Play-Doc Bar

Ás 17.00h dentro das actividades paralelas do Festival terán lugar ás Conversas no Play-Doc Bar. Trátase dun encontro entre os realizadores presentes no Festival aberto ao público en xeral. 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: