A Academia Galega do Audiovisual, na persoa do seu director, Miguel Mariño, participou onte na reunión constitutiva do Comité Asesor da Ourense Film Commission, un órgano integrado por representantes do sector audiovisual galego e da Deputación de Ourense, que nace para apoiar ás producións na loxística necesaria para desenvolver o seu traballo en territorio ourensán.
Manuel Baltar, presidente da Deputación, afirmou durante o acto que o propósito fundamental da Ourense Film Commission é que “o retorno económico e cultural para Ourense do seu vencello co cinema siga dando pasos firmes no futuro” e amosouse satisfeito por unha iniciativa que fortalece “un audiovisual que tanto éxito ten amosado ao longo das décadas, dando a razón a aqueles que abriron aquí salas de cine e que comezaron a rodar e escribir cine aquí”.
O Comité Asesor da Ourense Film Commission está formado por Manuel Baltar na presidencia, Miguel Anxo Fernández na vicepresidencia, Aurelio Gómez Villar na dirección e Susan Ramos na secretaría. Como vogais participan o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres; a xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, Emma González; a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte; o vicepresidente do Cineclube Padre Feijoo, Manel Rodríguez; o director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; a xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Uxía Caride; e o xornalista Simone Saibene.
Entre os servizos que ofrecerá este novo órgano figura achegar información e propostas sobre localizacións; apoio e asesoramento sobre permisos administrativos; axuda na promoción e difusión das rodaxes previstas; coordinación entre as produtoras e as administracións públicas; e axuda na loxística da produción.