Esta mañá tivo lugar no Centro Cultural Ánxel Valcárcel unha rolda de prensa de presentación do Premio Cidade de Ourense, que recollerá esta mesma tarde o director madrileño Emilio Martínez-Lázaro.
No encontro, no que estiveron presentes Nora Sola -directora do 19OUFF-, Ana Garrido -concelleira de Cultura e Educación-, Agustín Fernández -alcalde de Ourense- e o propio Emilio, animouse á cidadanía a acudir hoxe ás 20h30 á homenaxe e á posterior proxección do seu filme Ocho apellidos vascos, a día de hoxe o máis taquilleiro da historia do cine español.
Martínez-Lázaro bromeou sobre o éxito da película, xa que “se alguén quere ir vela, serán uns repetidores”. Sola, pola súa parte, apostillou que “Ocho apellidos vascos ten un resorte especial, e cada vez que a ves descubres algo novo que nun inicio pasou desapercibido”. O rexedor ourensano , que será quen faga entrega do galardón, agradeceu ao director a súa presenza no festival e na cidade recomendando que “goce dela, porque seguro que o vai sorprender”.
No acto tamén houbo lugar para as anécdotas cando a concelleira relatou o momento no que “despois de que toda a miña familia vise a película, eu acudín soa á sala porque non quería perdela e descubrín nela unha oda á felicidade”.
Para finalizar, o homenaxeado comentou que “sempre che dan premios ás películas que menos che gustan”, pero que neste caso el está moi satisfeito con ela tras constatar que fai reír a todo aquel que a visiona. Afirmou que “o cine non pode plantexarse dar unha definición das cousas porque o cine vai de sentimentos, e eses sentimentos son os que despois deixan pegada” e que con Ocho apellidos vascos “pretendeu dende o inicio dar unha visión positiva da vida”.