Ourense, 1 de outubro de 2023 | Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron esta mañá a distinción Lugares de Interese Cinematográfico – LIC e revelaron os oito espazos designados nesta primeira edición, nunha rolda de prensa celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O acto contou coa presenza de César Fernández Gil, deputado de cultura da Deputacion de Ourense, quen quixo agradecer o traballo levado a cabo polas academias de “coidado e posta en valor do patrimonio audiovisual” e quixo destacar que unha distinción como a do LIC contribúe á “dinamización económica dos diversos territorios, aportando valor a lugares que xa de por si o teñen, e dando razóns para visitalos, coñecelos e desfrutalos”.
A distinción LIC recoñece espazos de especial relevancia para a industria audiovisual, xa sexa polo seu valor na produción fílmica, a súa importancia histórica ou o seu significado simbólico. Esta distinción resalta a riqueza cultural e cinematográfica de cada territorio e fomenta a preservación e promoción destes espazos que contribuíron de maneira significativa á historia e á identidade audiovisual da península.
Estivo acompañado por Alba Gallego, Milo Baños e Saamira Ganay, membros da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, quen actuou como anfitrioa; Regina Martín, Coordinadora da Academia de Cine de Andalucía; Santiago Fúster, Director de Marketing da Academia Aragonesa de Cine; Graciela Mier, Presidenta da Academia de Cine Asturiano; Laia Aubia, Directora da Acadèmia de Cinema Català; Silvia Venegas, Presidenta da Academia de Cine de Extremadura; Gonçalo Galvão, membro da xunta directiva da Academia Portuguesa de Cinema e Teresa Cebrián, Presidenta da Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual.
A relación de LIC designados nesta primeira edición foron os seguintes.
Andalucía: Deserto de Tabernas (Almería)
Aragón: Sos del Rey Católico (Zaragoza)
Asturias: Llanes (Asturias)
Cataluña: Colexiata de Sant Vicenç de Cardona (Barcelona)
Extremadura: Guadalupe e o Xeoparque de Villuerca-Ibores-Jara (Cáceres). Galicia: Aldea de Facós, Lobeira (Ourense)
Portugal: Tóbis Portuguesa (Lisboa)
Valencia: L’Albufera (Valencia)
O anuncio dos Lugares de Interese Cinematográfico pechou o VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, celebrado entre o 29 de setembro e o 1 de outubro no marco do Festival de Cine de Ourense. As academias manifestaron a súa preocupación coa sustentabilidade e comprometéronse a revisar o impacto que teñen no medio ambiente as actividades levadas a cabo por cada unha das institucións. Tamén recoñeceron a importancia de apostar pola educación no ámbito audiovisual para axudar aos espectadores do futuro a comprender, crear e analizar contido audiovisual, proporcionándolles ferramentas para consumir contidos de maneira crítica e fomentando a expresión creativa e a comunicación efectiva. Outro dos temas centrais das xornadas de traballo foi a visibilidade da diversidade, como un elemento de posta en valor das perspectivas, experiencias e peculiaridades de cada territorio.
O anuncio da distinción Lugares de Interese Cinematográfico – LIC e a celebración do VII Encontro de Academias de Cine e Audiovisual foron posibles grazas ao apoio da Deputación de Ourense.