PRESENTACIÓN DO FILME POST TENEBRAS LUX NO CGAI

14 / 01 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá martes día 15 de xaneiro (20.30 horas) a película do mexicano Carlos Reygadas Post tenebras lux (2012), premio ao mellor director no festival de Cannes 2012. POST TENEBRAS LUX    

(México-Francia-Holanda-Alemaña, 2012)
Dirección e guión: Carlos
Reygadas. Produción: No Dream Cinema, Mantarraya Producciones, Le Pacte, Topkapi Films, The Match Factory, arte France Cinéma, FOPROCINE e Ticomán. Fotografía: Alexis Zabe. Intérpretes: Adolfo Jiménez, Nathalia Acevedo. Duración: 120 minutos.  
Premio ao mellor director no festival de Cannes 2012 para o mexicano Carlos Reygadas na súa cuarta longametraxe –toda a súa obra longa anterior puido verse no CGAI–, o seu traballo máis libre ata a data. A historia dunha familia que se move do mundo urbano ao rural devén nun retrato psicolóxico envolvido en moitos elementos e direccións. Dono dunha ollada propia, perturbadora, sobria, precisa, que parece invocar grandes nomes (o mesmo Tarkovski, Kieslowski, Sokurov, Buñuel, Bresson ou Dreyer), Reygadas é un dos cineastas máis recoñecidos do cinema contemporáneo. Introspección, simbolismo, realismo puro e descarnado, creación de espazos silenciosos a modo de paisaxes mentais, atopámonos cunha obra en perpetua evolución.

Categoría: Novas
Etiquetas: