XVII Premios Mestre Mateo

En 2019 tivo lugar a XVII edición dos Premios Mestre Mateo, unha convocatoria para celebrar o talento audiovisual galego, premiando a profesionais e obras do sector nunha Gala celebrada o sábado 2 de marzo no Pazo da Ópera de A Coruña. Un ano máis, a Academia recoñecía tamén a traxectoria de entidades e profesionais otorgando o Premio de Honra Fernando Rey e o Premio Especial José Sellier: nesta ocasión, as homenaxes recaeron na actriz Mela Casal e para a Federación de Cineclubes de Galicia, FECIGA.

 

1. Presentación de candidaturas

A apertura do prazo de presentación de candidaturas de profesionais e producións marcaba o inicio dun proceso de selección que contou con dúas roldas de votación: a primeira para escoller as obras finalistas e a segunda para decidir as gañadoras en cada una das vintecinco categorías. O prazo estivo aberto do 29 de outubro ao 19 de novembro para obras galegas estreadas no ano 2018 e os profesionais que traballaron nos seus distintos aspectos técnicos e creativos.
Unha vez recibidas tódalas producións, a Academia constituíu a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría, co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta comisión estivo formada por Silvia Fuentes (produción), Carlos Roma (promoción), Daniel González Portela (post-produción), Lucía Catoira (fotografía), Daniel López (música e son), Pedro Brandariz (Interpretación) e Ana Gontad (escritores audiovisuais) que se reuniron en tres ocasións na sede da Academia:
-12 de decembro. Reunión para a revisión de inscricións. 
-21 de decembro. Repaso da información solicitada ás produtoras, aprobación da listaxe provisional de candidaturas e apertura do prazo de alegacións . 
-10 de xaneiro. Estudio das alegacións presentadas polos asociados á listaxe provisional e candidaturas e aprobación da listaxe definitiva.

A listaxe estivo conformada por máis de 400 candidaturas e 167 obras, das cales 9 foron longametraxes, 28 documentais, 6 series de televisión, 11 series web, 27 programas de televisión, 32 curtametraxes de imaxe real, 6 curtametraxes de animación, 12 anuncios publicitarios e 32 videoclips.

Entre o 19 de xaneiro e o 3 de febreiro estivo aberta a primeira rolda de votacións a través da plataforma on-line, onde os socios e socias puideron visionar e votar todos os traballos dispostos por categorías outorgando catro, tres, dous e un punto.


2. Lectura de finalistas

O 7 de febreiro foron anunciadas as candidaturas finalistas da XVII edición dos premios nun acto conducido polos comunicadores Nieves Rodríguez e Adrián Díaz. O acto foi seguido en directo a partir das 12:30 nas redes sociais da Academia e en streaming na web da Televisión de Galicia. Os filmes A sombra da lei e Trote acaparaban 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha.

 

3. Xuntanza de Finalistas



A tradicional Xuntanza de Finalistas reuniu aos profesionais do sector para festexar as candidaturas aos Premios e facer a tradicional foto de familia no PALEXCO da Coruña. Nela anunciouse que a Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) recibía o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. O presidente da FECIGA, Manuel Precedo foi o encargado de recoller o galardón. Con este premio, a Academia poñía en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”.

 



4. Montaxe

A montaxe dos elementos técnicos e de escenografía da Gala durou catro días, do martes 26 de febreiro ao venres 1 de marzo, durante os que tamén se celebraron os ensaios co equipo artístico. Os traballos foron coordinados entre o persoal de Televisión de Galicia, encargados de transmitir o espectáculo en directo, o equipo de produción dos Premios e a actriz, guionista e directora Sonia Méndez, encargada da dirección da Gala.

 

5. A Gala



O sábado 2 de marzo de 2019 as portas do Pazo da Ópera abríanse 19:30 horas para recibir aos primeiros finalistas convocados para as fotos de photocall. A partir de entón, e ata as 22:00 horas, hora de inicio do evento, caras coñecidas, actores, actrices, produtores, directores e outros profesionais do sector, así como institucións e empresas déronse cita durante nos dous photocalles habilitados durante os preliminares da festa do audiovisual galego.

A directora da Gala, Sonia Méndez (Vigo, 1980) ten unha longa traxectoria no campo da interpretación, dirección e produción audiovisual. Formada en diversas escolas de interpretación, guión, dirección de intérpretes, construción dramática e realización: Espacio Aberto (Compostela), Centre de Estudis Cinematográfics (Barcelona), Interpretación e Arte Dramática (USC), Escuela Internacional de Cine y TV de CUBA (EICTV) e Escola de Imaxe e Son de A Coruña (EIS).

A cerimonia foi conducida por un elenco de actores e actrices que, cunha estética futurista, guiou ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego baixo a seguinte premisa: “Hai milenios que os humanos se extinguiron. Antes da fin, unha mostra deles foi embarcada nas naves de evacuación: científicos, músicos, artistas, futbolistas… e tamén un par de youtubers. Na actualidade, as naves recolectoras de coñecemento galáctico viaxan polo espazo-tempo co cometido de localizar, clasificar e conservar todo o saber do Universo. Unha desas naves recolectoras, viaxa ata o pasado para recabar información sobre o audiovisual galego. Concretamente… ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019”.

O espectáculo protagonizado por Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos- estivo ambientado na ciencia ficción, contou cun vestiario creado especialmente polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro; dirección de produción de Miriam Devesa e guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez.
Os premios, que os académicos e académicas elixiron cos seus votos foron entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual. A cerimonia puido ser seguidaminuto a minuto a través das redes sociais da AGA (Facebook | Twitter) no cancelo #MestreMateo19 e a partir das 22h00 na primeira canle da Televisión de Galicia.

Belén Constenla, Ángel Sánchez, Estíbaliz Veiga, Marta Doviro, Miguel Canalejo, Adrián Díaz, Gloria Ferreiro, Xavier Picallo, Ledicia Sola, Touriñán, Alberto Rolán, Javi Camino, Anxos Fazáns, Luis Iglesia, Isabel Blanco, María Bouzas e Andrés Goteira foron as persoas encargadas de entregar os galardóns.

 

6. Premio de Honra Fernando Rey para a actriz Mela Casal

A Academia premiou á actriz e dobradora galega Mela Casal polo seu “traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”.

Nada en Boqueixón, en 1948. Fíxose popular para os espectadores galegos polo seu papel da alcaldesa de Portozás na serie Mareas vivas e posteriormente foi unha das protagonistas doutras serie de ficción de éxito, A vida por diante, emitida entre xaneiro de 2006 e decembro de 2007. Os espectadores e espectadoras da Televisión de Galicia lembrarana tamén de emblemáticas ficcións como Rías Baixas, Pratos combinados, Padre Casares e Terras de Miranda, sen esquecer o seu papel de Socorito en Luar. A nivel nacional ten colaborado noutras producións como Nada es para siempre ou a recentemente multipremiada Fariña (Antena 3).

7. Premio Especial José Sellier para FECIGA

A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc. En 1983 cando, nas «IX Semán de Cine do Carballiño» (I Xociviga) puxéronse as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na «I Semana de Cine de Vilagarcía» como Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego. A Federación de Cineclubes de Galicia «FECIGA» pertence á Confederación de Cineclubes do Estado Español e á Fédération Internationale des Ciné-Clubs (FICC). Como membro desta última ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quixote, que se outorga en diversos festivais internacionais, como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.

 

Ligazón ás bases da XVII edición PMM

Ligazón a listaxe de gañadores

Listaxe de finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo

Listaxe de candidatos XVII PMM