En 2017 celebrouse a XV edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo”. Novamente celebramos e recoñecemos o traballo de tódolos membros do noso sector e das obras nas que participaron.
O proceso de selección
No mes de novembro de 2016 a Academia Galega do Audiovisual inaugurou unha nova edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo” abrindo o prazo de recepción de candidaturas, que duraría todo o mes. Coma nas pasadas edicións, enviouse un listado coas obras presentadas no prazo aos socios e socias para que, se observaban a falta dalgunha produción nola comunicasen ou nolo comunicasen para poñernos en contacto coa produtora.
Tras o prazo de recepción de obras para participar nos Premios, a Academia procedeu a constituír novamente a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría co fin de verificar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Así, estivo composta por Sabela Pillado (área de promoción), Carmen Méndez (área de interpretación), María Arochena (área de produción), Jaime Pérez (área de fotografía), Olga Osorio (área de dirección), José Eulogio Rouco Lamela (área de arte), María José Arrojo (área de guión) e Javi Pato (área de son).
O 21 de decembro publicouse o listado provisional de candidaturas aceptadas e abriuse o prazo de alegacións onde tódolos socios e socias da Academia puideron expoñer os seus apuntes sobre as producións inscritas que concorren a unha ou varias estatuíñas nos XV Premios Mestre Mateo.
Nesta edición volveuse a empregar a plataforma on-line dos Premios Mestre Mateo onde se recollen tódolos traballos e profesionais ordeados por categorías para o visionado e a votación, que repetiu a maneira ponderada.
Lectura de Finalistas
Tras unha primeira rolda de votacións que finalizou o 3 de febreiro, o 7 de febreiro ás 12.30h na sede da Fundación SGAE en Compostela celebrouse a lectura de finalistas onde se deu a coñecer o resultado dos votos dos membros da Academia da man de Fede Pérez (actor finalista do Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina Protagonista nos XIV PMM) e María Vázquez (vogal da Academia) e, que acompañaron a Carlos Ares, Presidente da Academia. No acto desveláronse o nome dos nomeados ante membros da Academia e outros profesionais do sector cinematográfico e televisivo galego.
Xuntanza de Finalistas
O 24 de febreiro os candidatos a facerse cun Mestre Mateo achegáronse ao Restaurante da Domus para o encontro de celebración da súa nomeación nas distintas categorías dos premios do audiovisual galego e realizar unha fotografía de familia con tódolos caandidatos.
De novo aproveitamos a ocasión para facerlles entrega do seu correspondente diploma de finalista nos XV Premios Mestre Mateo.
Durante o acto a vogal da Academia, Irene Lourido, entregou o premio “José Sellier” ao programa En Xogo da TVG, para poñer en valor “o traballo levado a cabo durante máis de 30 anos por este programa a prol da normalización da lingua e de apoio ao deporte”. Co premio a Academia tamén quere recoñecer a “grande escola de profesionais pola que pasaron moitos e moi bos profesionais do audiovisual galego”.
Carlos Ares, Presidente da Academia, convidou ao Premio de Honra “Fernando Rey” desta edición, a directora de arte Marta Villar como “recoñecemento dos moitos anos de traballo e impecable traxectoria dunha compañeira que forma parte sustancial do noso audiovisual” e como “profesional técnica xa que son moi poucas as ocasións nas que estes galardóns recaen no persoal técnico e menos aínda en mulleres”. Tamén nos acompañou Iolanda Muíños, a condutora da gala xunto coa axuda de A Panadaría. A actriz adiantou que a gala contará cun destacado compoñente musical por conta da compañía Voadora.
Tanto os homenaxeados como os presentadores falaron ante os máis de 100 asistentes.
No acto tamén nos acompañaron representantes das entidades que este ano apoiaron e colaboraron cos premios: Jacobo Sutil, director da AGADIC; José Manuel Sande, Concelleiro de Cultura do Concello de A Coruña; Antonio Cortés, responsable de Marketing de GADISA; Iván Fernández, encargado de prensa de Galicia Calidade; e Paz Vázquez de Trevisani.
Gala da XV edición dos Premios Mestre Mateo
Tras meses de preparativos e ensaios, ás 22:05 do 4 de marzo de 2017 da comezo a XV edición dos Premios Mestre Mateo. Máis de 1400 persoas asistiron no Auditorio Gaviota do Palexco de A Coruña a un espectáculo repleto de premios e música que se prolongou ata as 00:45.
A Televisión de Galicia retransmitiu a gala en directo, que tivo unha cota de pantalla media de 12.1%.
Un centenar de caras coñecidas, actores, actrices, productores, demais profesionais do sector, institucións e empresas déronse cita nun día tan especial para o audiovisual
A gala estivo dirixida e guionizada por Manolo Cortés, e presentada por Iolanda Muíños coa participación estelar de A Panadaría. O protagonista desta edición foi a produción de “O musical que aínda no foi” co que reivindicamos o formato musical na industria audiovisual galega, un dos xéneros máis paradigmáticos que desde sempre ocupou un posto privilexiado entre as opcións de ocio do ser humano.
Un vídeo proxectado na pantalla que presidía o escenario introduce aos asistentes e aos espectadores no espectáculo. Durante o mesmo, revísanse en chave musical os catro filmes finalistas na categoría de mellor Longametraxe desta edición.
A banda comeza a tocar en directo a canción que estaba a sonar no vídeo para pasar continuar o videoclip no auditorio do Palexco con bailaríns que saen mesmo do medio do público.
Tras isto entra a condutora da gala, Iolanda Muíños, para explicar en clave irónica que nun país normalizado coma Galicia no que hai unha industria audiovisual propia, un star system no que se apoia a industria, e unha produción que xa tocou practicamente tódalas temáticas (historia, guerra, artes marciais, amor, persecucións de coches, etc) é inaudito que aínda non se abordara a produción dun musical.
A propia Iolanda foi a encargada de entregar o primeiro premio da noite á mellor Interpretación Feminina de Reparto.
Acto seguido a presentadora Marga Pazos e o humorista Xosé A. Touriñán len aos gañadores nas categorías de Maquillaxe e Perruquería, Música Orixinal e Anuncio Publicitario.
Iolanda xunto coas rapazas de A Panadaría volven saír ao escenario para interpretar en directo o segundo dos números musicais da noite. Serán elas mesmas quen queden na escea como encargadas de outorgar os Mateos a Realización, Programa de TV, Vestiario e Interpretación Masculina de Reparto.
A continuación entran no escenario Iria Sobrado e Ana Santos, encargadas de ler aos gañadores á mellor Serie Web, Curtametraxe de Animación, Documental e Curtametraxe.
Tras este bloque de premios de novo toman o escenario Iolanda e as rapazas de A Panadaría (Noelia, Paula e Ailén) para representar musicalmente algún dos programas emblemáticos da grella da TVG. Grazas a el puidemos ver como sería o telexornal, o tempo, o ZigZag e a Revista se fosen musicais.
Este número musical da paso ao discurso do Presidente da Academia, Carlos Ares, que reivindicou a igualdade no sector audiovisual e falou das condicións da nosa industria. Ademais tamén explicou o motivo polo que o audiovisual é cultura, ao igual que outras moitas artes.
Foi tamén Ares xunto coa sobriña da homenaxeada Andrea Pozo, os encargados de entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Marta Villar. Durante o seu discurso a directora de arte fixo fincapé no xénero feminino e na limitada presenza de mulleres no audiovisual.
Lucía Regueiro e Susana Dans acceden ao escenario para abrir os sobres que conteñen aos premiados nas categorías de Dirección de Produción, Son, Videoclip e Serie de TV.
Continua a gala coa homenaxe aos compañeiros do sector que nos deixaron dende a última gala. A banda ambientou o vídeo en directo coa interpretación dun fragmento dun tema inédito de Fran Pérez Narf.
Iolanda aparece no patio de butacas para ir buscando entre os asistentes alguén que saiba cantar facéndolles unha pequena proba, mesmo o tenta co director da AGADIC Jacobo Sutil. Tras isto diríxese ao escenario para entregar outro premio pero sáelle compañía de entre a platea, o actor Javier Gutiérrez. Os dous actores son os encargados de indicar para quen vai o Mateo ao Mellor Comunicador/a de TV.
Tras isto as profesionais Isabel Risco e Eva Iglesias leron aos gañadores da mellor Dirección de Fotografía, Dirección de Arte, Montaxe e Interpretación Masculina Protagonista.
Un número musical final con Iolanda e as “panadeiras”, dan paso á actriz e representante de AISGE, Sonia Castelo, xunto ao actor Toni Salgado, que entraron no escenario para dar a coñecer aos galardoados co Mestre Mateo ao Guión, Interpretación Feminina Protagonista e Dirección.
Iolanda volta á escea para facer un pequeno discurso sobre os finalistas no último e máis importante premio da noite, o de mellor longametraxe. Xunto con A Panadaría, fan un xogo coral acompañadas pola banda para, finalmente, dar paso aos últimos entregadores da noite: Antonio Mourelos e Jorge Coira.
O broche final do espectáculo foi unha festa. Iolanda convidou a todo o equipo que traballou na gala a cantar e bailar ao ritmo da canción da banda no escenario para despedir a XV edición dos Premios Mestre Mateo.
Unha vez rematada a gala, ofreceuse unha degustación de produtos da nosa terra na sala do Palexco a tódolos convidados.