Nos estatutos da Academia Galega do Audiovisual recóllese a necesidade de promover e difundir a investigación científica en materia audiovisual. Por iso se poñen en marcha, un ano máis, os Premios María Luz Morales de ensaios sobre audiovisual, de novo co patrocinio da Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense, a Deputación de Pontevedra e o Concello de A Coruña, coas seguintes bases.
O obxectivo dos premios “Maria Luz Morales” é o fomento da investigación no eido audiovisual desde unha perspectiva tanto galega como universal. Co nome de María Luz Morales, quérese recoñecer o labor desta galega pioneira na crítica cinematográfica española e figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos da muller.
Premiaranse obras de investigación en formato de texto (ensaios escritos) e en formato audiovisual (videoensaios). Con estes premios quere fomentarse a creatividade e a independencia investigadora. A realización dos traballos non está suxeita a ningún tipo de prescrición e pode incorporar toda clase de metodoloxía (historiográfica, formalista, semiótica, entrevistas, monografías comparativas, etc) e temática (artística, económica, ideolóxica, comunicación).
Os ensaios presentados ao certame poderán ser de dúas modalidades: ensaio escrito e videoensaio, e cada modalidade terá dúas categorías: unha que abrangue calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra na que se recollerán ensaios que versen ou se relacionen especificamente co audiovisual galego (historia, produción, creador@s, política audiovisual, etc). Concederase un único premio para cada categoría, dentro de cada modalidade:
O concurso está aberto á participación de calquera persoa maior de idade. Poderán participar traballos asinados de maneira individual ou colectiva.
Os traballos poden enviarse dende o 21 de decembro de 2017 ata o 7 de maio de 2018.
O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño de 2018.
A) Ensaios escritos
Os ensaios deberán estar escritos en galego e seren orixinais e inéditos. A extensión das obras situarase entre os 8.000 e 24.000 caracteres, espazos incluídos, incluíndo o título do ensaio. Deberán estar escritos en Times New Roman, cun tamaño de 12 e cun interliñado de 1’5 liñas. As notas a pé de páxina deberán respectar o sistema europeo. Deberán enviarse en formato .doc, .docx ou .odt.
B) Videoensaios
Os videoensaios terán que ser orixinais e inéditos, e estar en lingua galega. Admitiranse vídeos cunha duración máxima de 15 minutos, compostos de imaxes e sons orixinais ou dos que o autor do vídeo teña os dereitos. Tamén poderá acollerse ao dereito de cita á hora de usar imaxes de terceiros. En calquera caso, o autor do videoensaio responsabilízase do correcto uso legal dos materiais que empregue no seu vídeo.
Os vídeos deberán vir acompañados dun documento no que se citen e referencien correctamente todos os materiais audiovisuais utilizados.
Os vídeos enviaranse en formato mp4 (codec h.264 bitrate 20 e 35 mbps) ou webm. Nas dúas modalidades os autores/as deberán acompañar o traballo cunha ficha onde figuren o seguintes datos: Título, autor, categoría, data de nacemento, DNI; enderezo físico, enderezo electrónico, teléfono, lugar onde estuda e/ou traballa. Ademais, achegarán un pequeno resumo do tema sobre o que versa o traballo, cunha extensión máxima de 1000 caracteres. Os traballos enviaranse por correo electrónico a este enderezo: inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal antes das 23:59h do día 7 de maio. Non se aceptarán os traballos recibidos despois desa data. Os artigos escritos enviaranse en arquivo adxunto. Os vídeos poderán enviarse usando plataformas como wetransfer, Dropbox, Vimeo ou similar. Cada autor/a pode enviar todos os traballos que considere oportuno. O xurado comporase de 3 persoas de recoñecido prestixio no ámbito historiográfico ou da crítica audiovisual.
En canto aos criterios de valoración, contemplarase a singularidade do enfoque, a orixinalidade do desenvolvemento, a fiabilidade dos datos da documentación e a coherencia das conclusións.
O xurado valorará especialmente a irrupción de puntos de vista anovadores sobre a temática que se aborde. Por iso, ademais do rigor científico, tamén se procura o desenfado e risco na concepción, nas valoracións e nas conclusións dos textos escritos ou audiovisuais.
Haberá un único premio para cada categoría de 1.200 euros + un galardón.
O xurado resérvase o dereito de deixar calquera categoría deserta, así como o de conceder accesits sen dotación económica a obras que consideren dignas de mención. A decisión do xurado será inapelable.
A contía dos premios está suxeita á retención de impostos correspondentes.
Os ensaios gañadores publicaranse na web da Academia Galega do Audiovisual, tanto en texto como en vídeo.
O autor estará autorizado a publicalo noutros medios despois da súa publicación por parte da Academia.
A participación nos premios María Luz Morales conleva a aceptación destas bases.