Dende a Academia Galega do Audiovisual, organizouse a VII Edición do Foro Academia Aberta que este ano tivo lugar na cidade de Santiago de Compostela, no Consello da Cultura Galega – Pazo de Raxoi-, os días 29 de outubro, 5 e 11 de novembro.
O Foro Academia Aberta é un espazo adicado ao debate e á discusión daqueles aspectos do audiovisual galego que preocupan aos profesionais do sector.
Nesta VII Edición o tema do Foro Academia Aberta foi a situación da política audiovisual e o debate sobre a súa ubicación no panorama institucional actual.
O Foro Academia Aberta 2009 foi inaugurado o día 28 de outubro ás 17.30 horas por Pepe Coira, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual; Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios e D. Xosé López García, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
Previamente ao acto de inauguración, celebrouse unha rolda de prensa dedicada á presentación do foro. Tivo lugar o 21 de outubro no Clube Internacional de Prensa de Santiago. Presentaron esta VII edición do Foro Academia Aberta ante os medios o presidente da Academia Xosé Manuel Olveira “Pico”, e os vogais da asociación Rosa Álvarez, Marcos Nine e Montse Besada.
O Foro Academia Aberta contou cunha grande acollida por parte do público, cunha media de corenta persoas en cada unha das xornadas que se detallan a continuación:
A primeira mesa titulada “As leis do audiovisual galego. ¿Hai que reforma-la Lei da CRTVG e a Lei do Audiovisual?”, xirou en torno ás leis do audiovisual galego. Para tal ocasión, contamos coa presenza dos portavoces dos grupos parlamentarios galegos – D. Agustín Baamonde polo PP, D. José Luis Méndez Romeu polo PSOE e D. Anxo Quintana polo BNG. Moderou o Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira.
Na segunda xornada baixo o título “Dous cines en conflito?”, reflexionouse acerca do debate aberto na industria española entre o cine de vocación máis comercial e o de vocación máis cultural, entre o cine de alto orzamento, orzamento medio e baixo orzamento. Son cines en conflito? Nesta ocasión, contouse coa presenza de Vicente Aranda (director), José Nolla (produtor), Antón Reixa (director, empresario audiovisual e presidente do CLAG) e Alfonso Zarauza (director e guionista). Moderou Mª José Arrojo, directora da Escola de Medios.
Na terceira e última mesa baixo o título “O marco administrativo do audiovisual galego”, abordouse unha das grandes cuestións aínda hoxe pendentes: quen se ocupa do audiovisual na Xunta de Galicia. Para aproximarse a dito tema, contouse coa presenza de D. Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios, D. Jorge Algora, Vicepresidente de AEGA e D. Xavier Bermúdez, en representación da Coordinadora de Asociacións de Profesionais do Audiovisual. A moderadora para tal ocasión foi a actriz e anterior presidenta da Academia, María Bouzas.