COLABORACIÓN DA ACADEMIA CO CORUÑAFILM
Dende a Academia colaboramos co Concello de A Coruña e Notodo.com por segundo ano consecutivo no CoruñaFilm, un encontro cinematográfico entre profesionais da industria, novos creadores, estudantes e afeccionados ao cine CoruñaFilm que tivo lugar no Centro Ágora da cidade herculina o 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro de 2014.
Máis de 110 horas de programación serviron para apoiar a creación audiovisual e formar tanto a profesionais como a novos creadores, pero sobre todo para achegar o cine a tódolos públicos.
Entre as actividades gratuítas desta edición atopábanse obradoiros formativos, a rodaxe express dunha curta, tutorización de proxectos, unha exposición, encontros entre os profesionais da industria, e a proxección de curtametraxes.
Unha ventá ao cine en curto: Premios Mestre Mateo e Premis Gaudí
A Academia Galega do Audiovisual programou dentro das proxeccións das maratóns de curtas as finalistas e gañadoras nos VI Premis Gaudí e dos XII Premios Mestre Mateo os días 31 de outubro e 1 de novembro a través de dous novos apartados: “Unha ventá ao cine en curto galego: Premios Mestre Mateo 2014” e “Unha ventá ao cine en curto catalán: Premios Gaudí 2014”.
Deste xeito posibilitouse o acceso do público xeral ao visionado dos premios do audiovisual galego e abriuse unha xanela máis á difusión das obras autóctonas.
Pola súa banda, no marco do convenio entre a Acadèmia del Cinema Català e a Academia Galega do Audiovisual, o obxectivo é potenciar a promoción e difusión do traballo dos profesionais do sector tanto de Galicia como de Cataluña, un ano máis, proxectáronse o gañador e os finalistas na categoría de Mellor Curtametraxe dos VI Premios Gaudí en Galicia.
Deste xeito, o venres 31 de outubro ás 18.30h foi a sesión “Unha ventá ao cine en curto catalán: Premios Gaudí 2014”, coa exhibición do gañador á mellor curtametraxe, Godka Circa (Un burato no ceo) escrita e dirixida por Àlex Lora e Antonio Tibaldi; e as tres finalistas na mesma categoría La gallina, escrita e dirixida por Manel Raga; Sequence, escrita e dirixida por Carles Torrens; e Wings, escrita e dirixida por José Villalobos.
O sábado, 1 de novembro foi a quenda de “Unha ventá ao cine en curto galego: Premios Mestre Mateo 2014”, coa proxección das curtas de imaxe real 3-1=0, producida por Juan Galiñanes e Olga Osorio en coprodución con Píxel Films, gañadora na categoría; e as tres finalistas Flores para Amalia, de Nani Matos; Idiotas, de Hipotálamo Films; e Real Love, de Píxel Films. A sesión completarana as curtas de animación Aqua, de Algarabía Animación, gañadora; e as finalistas Cousas de Meigas, de Firmist Animación; Pepe, o cancodrilo, de Bruno Martínez Pérez; e Sangre de unicornio, de Abrakam Studio e Uniko Studio Creativo.
Esta xornada contou, como se dixo, coa presentación dos curtametraxistas Juan Galiñanes (3-1=0), Nani Matos (Flores para Amalia), Fran Estévez (Idiotas), Gerardo Codesal (Real Love) e Bruno Martínez Pérez (Pepe, o cancodrilo).