A Academia Galega do Audiovisual asinou no 2012 un acordo de colaboración coa Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, coa finalidade dun achegamento audiovisual e cultural entre ambas entidades, tal e como xa se estableceu en 2010 coa Académia del Cinema Català.
Froito da colaboración entre a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e a Academia Galega do Audiovisual, o 12 de decembro de 2014 recibimos en Galicia á premiada co Goya á Mellor Actriz Revelación do mesmo ano, Natalia de Molina, para un coloquio cos asistentes ás 18.30h ao Auditorio do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa.
Trala proxección do filme “Vivir es fácil con los ojos cerrados”, escrita e dirixida por David Trueba, comezou o coloquio coa actriz desta brillante película, seleccionada para representar a España nos Óscar á mellor longa de fala non inglesa. A charla estivo moderada pola xornalista e vogal da Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, Irene Lourido.
Así, a intérprete respostou ás preguntas dos asistentes falando da súa traxectoria e a súa experiencia, comentou que está a vivir un momento moi doce grazas ao seu traballo no filme de David Trueba así como aos novos proxectos que se lle presentaron e nos que estivo inmersa.
Os presentes tamén interrogaron a de Molina sobre as anécdotas e peculiaridades sucedidas durante a rodaxe do filme que a trouxo a A Coruña, “Vivir es fácil con los ojos cerrados”, no que contou por exemplo que durante as xornadas en Almería choveu moitísimo, ou que Trueba grabouna xunto con Xavier Cámara interpretando, ela con voz e o actor á guitarra, o tema de The Beatles que da nome ao filme.
Natalia afirma que non recorda o momento no que subiu ao escenario a recoller ao Goya e que tivo que ver varios vídeos en internet para ter unha imaxe do sucedido e saber exactamente o que dixo durante o seu discurso.
Ademais fixo público que será unha das dez “European Shooting Stars” da vindeira edición da Berlinale que pretende visualizar o talento de xoves intérpretes europeos.