Con este segundo número, Papeis da Academia da un novo paso na súa vocación de ser plataforma e testemuño dos traballos, circunstancias e opinións do colectivo que formamos a Academia Galega do Audiovisual.
Como sabes, a publicación que tes nas mans está á enteira disposición dos académicos para que nela poidamos contar e pensar en voz alta. Cremos que é sempre positivo airear os distintos xeitos de pensar, favorecer os debates, coñecer os puntos de vista dos que , cun criterio ou outros, estamos a construír cada día o audiovisual galego. Poucos cometidos igual de relevantes pode ter unha academia.
Neste número vas a atopar rexistro das conversas promovidas dende a Academia no formato clásico, ao redor da TDT, e na contorna virtual da nosa páxina web, onde o Estado das Cousas serviu para reflexionar acerca da crise de modelo audiovisual clásico, das relacións co literatura, da lingua e máis do xeito en que presentar os nosos Premios. Aos que participaron nos debates agradecémoslles a súa xenerosidade. Como lle agradecemos aos que nos achegaron artigos sobre unha variedade de aspectos dos moitos que acaban por conformar o mundo audiovisual.
E has atopar tamén datos con boa parte do que o curso, os doce meses transcorridos entre xullo do 2007 e xuño deste ano, deu de si, do que fixemos, dos que nos deixaron.
Temos a impresión de que estes segundos Papeis achéganse máis cos primeiros ao que queremos, e contamos con que esa mellora continúa dun ano a outro. Está na man de todos e cada un de nós que se xunten aínda máis voces e así o retrato de nós mesmos tema máis definición. A Academia vive conforme á vida que os académicos lle procuramos.
Documentos: