PLAY-DOC RENOVA O SEU APOIO AOS NOVOS REALIZADORES

19 / 02 / 2008

Unha vez máis, e dado o éxito de convocatorias anteriores, Avid volve organizar conxuntamente con Play-Doc o Maratón Play-Avid.doc cuxo obxectivo non é outro que formar e promocionar aos novos talentos audiovisuais.
Este concurso levarase a cabo no marco do Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 12 ao 16 de marzo.

Do mesmo xeito que nas pasadas edicións do festival, os participantes seleccionados terán que plasmar toda a súa capacidade creativa na realización dun curto documental que rodarán integramente en Tui durante a súa estancia na cidade. Pero amais, e como novidade este ano, todos os concursantes deste “Maratón” asistirán a clases de orientación específica sobre preproducción, fotografía e edición, impartidas por unha serie de profesionais do medio. Os participantes poderán fortalecer deste xeito os seus coñecementos e expectativas da man de expertos do mundo audiovisual e levar á práctica o aprendido.

Outro dos obxectivos de Play-Doc e Avid con este curso é, amais de achegar oportunidades para a formación, facilitar a estes novos creadores a realización das súas longametraxes documentais. Este foi o caso, por exemplo, de FRONTEIRAS, do director Ruben Pardiñas, que se presentou na edición pasada do festival e que obtivo un exitoso percorrido noutros certames.

Presentación do documental NACIONAL VI de Pela del Álamo.

NACIONAL VI foi o proxecto documental seleccionado na edición 2007 de Play-Avid.doc. Trátase dunha road movie documental que nos presenta a viaxe persoal do seu director polas marxes desta mítica estrada que foi o eixo vertebrador das comunicacións entre Galicia e a meseta e que hoxe está completamente relegada pola A-6.

O realizador galego Pela del Álamo fará un alto na rodaxe, para presentar ao público de Play-Doc 2008 un adianto desta longametraxe documental.

A convocatoria para todos aqueles que desexen participar neste edición do Maratón Play-Avid.doc continúa aberta e as bases pódense consultar na web do festival www.play-doc.com

Categoría: Novas
Etiquetas: