Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui dedica unha retrospectiva integral ao realizador mexicano Nicolás Pereda, na súa próxima edición, que se celebrará do 2 ao 6 de abril. Este novo director, con só algo máis de 30 anos, conta xa no seu haber con nove películas e é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia; onde resultou premiado na sección Orizzonti en 2010 polo seu filme Verano de Goliat. O seu persoal estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”. O contraste entre o campo e a cidade, o mundo do traballo, as diferenzas entre ricos e pobres, a intimidación do exército, as relacións de parella… En definitiva, o cotián, é o que tenta captar en cada película Nicolás Pereda. Outro dos aspectos máis destacables no seu cinema é o modo no que os seus actores fetiche, Teresa Sánchez e Gabino Rodríguez, van medrando en cada filme, desde a súa ópera prima ¿Dónde están sus historias? (2007) ata o máis recente El palacio (2013), interpretándose a si mesmos, en papeis con sutís variacións, nos que o proceso de construción do personaxe, cos seus ensaios e repeticións, móstrase ao espectador, a modo de reflexión sobre como se representa un relato.
O propio Pereda explícao moi ben, ao falar do seu maior éxito ata o momento, Lo mejores temas (2012): “Logo de facer algúns filmes cos mesmos actores interpretando papeis similares, decidín facer unha película sobre o proceso de representación. Isto abriu un mundo de novas posibilidades, incluíndo os ensaios, as repeticións e as interaccións entre personaxes de ficción e os actores que interpretan a eses personaxes. Seguín esta procura mediante a substitución dun dos actores co meu tío, á metade de rodaxe. O meu tío entra na película como un obxecto documental que ten que relacionarse cos personaxes de ficción que actúan coma se el fose un deles”. Esta inxerencia do documental na ficción, ou viceversa, e a reflexión e a deconstrución do relato cinematográfico, xunto cun particular sentido do humor, son aspectos comúns a toda a súa filmografía.
A obra deste xenial cineasta supón un punto de inflexión nos dez anos de traxectoria do certame galego, marcada por grandes nomes, relevantes expoñentes de diversas tendencias coma o cinema de metraxe atopada, o ensaio audiovisual, o cinema directo ou o observacional, entre outros. A retrospectiva de Nicolás Pereda afianza esta liña editorial, mentres abre á súa vez novos territorios que explorar para o festival.
O director mexicano personifica o futuro, pero tamén a tradición de Play-Doc que, sen esquecerse do seu aniversario, recuperará algúns títulos dos seus cineastas máis emblemáticos, nunha sección para conmemorar os dez anos de andaina. Ademais de presentar todas as súas películas, Pereda ofrecerá amais unha clase maxistral, o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, aberta tanto a profesionais como a público en xeral. Algúns dos filmes do cineasta poderán verse posteriormente no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en réxime de colaboración coa filmoteca galega.