A película ‘Arrugas’, dirixida por Ignacio Ferreras e baseada no cómic homónimo creado polo debuxante valenciano Paco Roca, continúa a súa conquista das salas internacionais co estreo esta semana en Italia, onde chegará o próximo 23 de maio. A cinta xa se estreou en Francia e Rusia e a partir do 22 de xuño proxectarase en Xapón. Ademais, no outono sairá en Estados Unidos e Reino Unido e tamén está vendida en Portugal, varios estados de latinoamérica, Polonia e China.
Trala súa proxección no país trasalpino, a longametraxe chegará ao mercado nipón da man de Ghibli, o estudo responsable de éxitos de animación como ‘A viaxe de Chiriro’ ou ‘A princesa Mononoke’.
Así, ‘Arrugas’, que narra o día a día dunha residencia de anciáns e a soidade e os problemas que carrexa a vellez, continúa a súa carreira de éxitos. De feito, o filme xa obtivo dous Goyas –á mellor película de animación e ao mellor guión adaptado– e foi seleccionada como finalista nos Premios de Cine Europeo.