Pedro Brandariz: “Jacinto vai dar moito que falar”

15 / 10 / 2021

O noso asociado Pedro Brandariz protagoniza Jacinto a segunda longametraxe de ficción de Javi Camino, estreada onte no Festival de Sitges.  Nela interpreta a Jacinto, un neno de nove anos atrapado no corpo dun home de corenta, que vive unha existencia apacible na súa aldea, ata que a chegada de dúas novas veciñas perturbará a súa existencia. 

Falamos con este cómico, como lle gusta definirse, sobre unha película que promete non deixar a ninguén indiferente “Javi Camino creou unha historia para todo tipo de públicos, pero ás namoradas e namorados do xénero vailles encantar, pois está moi ben construído, ten moitas referencias, e sobre todo é moi divertida”.

Sendo humorista, e  cunha carreira moi ligada a proxectos de humor, como foi a construción do personaxe de Jacinto?

Todo foi moi fácil. O personaxe de Jacinto ten moitas cousas en común conmigo mesmo, polo que non tiven que traballar moito. Jacinto é un neno no corpo dun home de 40 anos e eu síntome moitas veces así. Ademáis, o humor está moi presente nesta película. Nin é unha comedia, nin o humor é o principal, pero hai unha capa humorística moi fina que moitas espectadoras/es agradecerán. O máis complexo foi cambiar o rexistro oral, todo o meu traballo anterior se basea na oralidade e na palabra, e co personaxe de Jacinto non falo en toda a película.

Fotograma de Jacinto

Identifícaste persoalmente con algunha característica del?

Idéntificome moitísimo el. Penso que eu podería rematar como el perfectamente, simplemente pasou que a vida me levou por outros camiños. Gústame o espírito lúdico que lle aplica a todo. É algo que eu tamén intento facer no meu día a día. Para mín, todo é un xogo, e penso que se todo o mundo vivira así, seríamos máis felices.

“Para min todo é un xogo, e penso que se todo o mundo vivira así, seríamos máis felices”.

Pedro Brandariz, protagonista de Jacinto.

A longametraxe ven de ser estreada no Festival de Sitges, un dos máis importantes de Europa e o primeiro festival de cine fantástico do mundo. Que sentistes ao ser seleccionados nun evento deste calibre? 

Unha ledicia inmensa. Non existe mellor punto de partida para este proxecto. Era o destino soñado e fíxose realidade. Penso que despois virán outros éxitos a raíz de estrear aquí. 

Fotograma da película Jacinto

Cal é o aspecto da película que che parece máis destacable?

Pois que é unha película completísima. É unha película de terror, pero tamén ten comedia e unha historia que te engancha… O público vai pasar medo, vai rir, vai emocionarse…  que máis se pode pedir.

Jacinto gañou dous premios na pasada edición do GenreBlast Film Festival (Best Midnight Feature e Mellor Actor Secundario para o teu compañeiro Juanma Buiturón) pero contaba con sete candidaturas, entre elas a túa a mellor actor, que sentiches cando cho comunicaron? 

Sentín unha alegría enome, por todas as nominacións… cando un traballo se ve recoñecido por tan diferentes aspectos é que gusta. Supoño que estes serán os primeiros recoñecementos dunha lista que vai ser moi longa. Jacinto vai dar moito que falar.

Fotograma da película Jacinto

Como é traballar co director, Javi Camino?

Traballar con Javi foi o mellor de todo o proceso. En primeiro lugar teño que agradecerlle que pensara en min para este papel. Cando un día me chamou para comentarme a idea fíxome unha ilusión enorme. E despois traballar con él é tremendamente fácil. Confía en ti plenamente, déixache facer e iso é marabilloso. O equipo que forma con Judas Diz (axudante de dirección) funciona ás mil marabillas, como unha máquina de reloxería. 

A equipa tamén foi inmellorable. Había moita implicación no proxecto e a ilusión palpábase no ambiente. Sempre me lembrarei de todos e cada un deles porque me coidaron moitísimo. Empecei a rodaxe cunha infección nun pé, que me doía cada día máis, e todos os coidados, os cariños e os mimos que eu recibín fixeron da rodaxe algo inesquecible. En canto ao elenco tamén estiven moi ben arroupado. Creo que formamos unha familia diante e detrás das cámaras e de cada un deles aprendín moito.

Contas cunha amplia formación académica. Gustaríache, nalgún momento, ensinar todo o aprendido? 

Si, encantaríame poder compartir todo o que vou aprendendo. De feito xa o fago. Adico unha parte importante do meu traballo á formación, sobre todo en narración oral, teatro cómico, clown, improvisación…

De todas as túas facetas (cómico, actor, clown…), cal cres que é a que mellor te define? 

Cómico, é a palabra que mellor me define. Eu vivo pola comedia. Si, son actor, narrador oral, monologuista, clown… pero o denominador común de todo isto é a comedia. Non só por facer rir ou polo humor, senón que entendo “comediante” no sentido máis amplo da palabra.

De pequeno soñabas con lograr poder dedicarte a esta profesión?

Nin por asomo. Eu sempre pensei en ser mestre. De feito fixen Maxisterio e ía encamiñado a exercer a docencia, pero o teatro cruzouse no meu camiño e descubrín que me gustaba comunicar a través do humor e a comedia, era máis divertido, e dende aquela xa non houbo volta atrás. Comecei ós 20 anos a facer teatro, antes era un mozo bastante tímido e introvertido.

“O teatro cruzouse no meu camiño e descubrín que me gustaba comunicar a través do humor e a comedia, era máis divertido, e dende aquela xa non houbo volta atrás”.

Pedro Brandariz, protagonista de Jacinto.

Sí que é certo que de pequeno contaba moi ben os chistes de Farruco que tiña en varias de cintas casete. Eses pode dicirse que foron os meus inicios.

 

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: