- A Gala será retransmitida en directo pola TVG o vindeiro sábado 7 de marzo.
- Ao longo da súa traxectoria Vázquez participou en series tan populares como Pratos Combinados, Mareas Vivas, e Padre Casares.
Patricia Vázquez será a presentadora da Gala dos XVIII Premios Mestre Mateo o vindeiro sábado 7 de marzo. O Pazo da Ópera da Coruña acollerá o espectáculo dirixido por Luis Avilés, que será retransmitido en directo pola TVG a partir das 22:00 horas.
Os inicios da traxectoria de Vázquez están estreitamente vencellados ao teatro, obtendo o seu primeiro traballo como intérprete na produción de Yerma no Centro Dramático Galego hai trinta anos. En 1996 incorporouse ao reparto da serie Pratos Combinados para, a continuación, pasar a formar parte do elenco de series lendarias da Televisión de Galicia como Mareas Vivas, Terra de Miranda, Pepe o Inglés, Padre Casares, Era Visto ou Os Mariachi e de longametraxes como Encallados e Os fenómenos.
A pesar do seu exitoso paso polo audiovisual, non deixou de traballar con compañías de teatro como Teatro da Lúa, Escola Dramática Galega ou Ollomol Tranvía e, na actualidade, Contraproduccións e Excéntricas.
A popular actriz compostelá será a anfitrioa dunha noite na que se fará un repaso ao mellor da produción audiovisual galega do último ano, recoñecendo ás mellores obras e profesionais candidatas en 25 categorías.