PADRE CASARES GAÑA A BATALLA A ROMANOS E PRÍNCIPES

26 / 10 / 2010

A loita polas audiencias entre Antena 3 e Telecinco, protagonista nas últimas xornadas polos seus movementos na grella unha e outra vez, saldouse en Galicia cun gañador que parecía non participar nas apostas. O novo Padre Casares logrou imporse a romanos e príncipes e mantén unha semana máis o seu liderado na grella dos luns.

 Imbatible desde a estrea da súa sétima tempada, o pasado setembro, o párroco máis famoso da autonómica enfrontábase a noite do luns a dous xigantes, protagonistas dunha batalla mediática  que ocupou moitas páxinas os últimos días. Pero nin *Hispania (Antena 3), nin Felipe e Letizia (Telecinco) puideron derrotar en Galicia a Pai Casares que, cun 21.9 % de audiencia media e 254.000 espectadores, ocupa por sétima semana consecutiva o primeiro posto na competida noite dos luns. Por detrás sitúase a ficción que recrea as aventuras de Viriato e os romanos, cun 19.2 % de share e 30.000 espectadores menos. No terceiro posto do podio, a historia de amor entre o príncipe e a presentadora, que se conforma cun 15,5 % e 78.000 seguidores por baixo do famoso cura.  

A comedia Padre Casares, producida por Voz Audiovisual e emitida por TVG, narra a vida dun novo cura urbanita que chega a un pequeno pobo costeiro a substituír ao vello Crisanto, o anterior párroco e bastante chapado á antiga. A serie relata, con humor e tenrura, o proceso de integración deste moderno cura no pobo galego, á vez tan próximo e tan afastado do que el era até ese momento.   

Fitos de audiencia  

Desde a súa estrea en 2008, a serie de Voz Audiovisual, caracterizouse por alcanzar históricas cotas de audiencia. Con varios capítulos por encima do 30 %, imponse en Galicia a programas nacionais tan exitosos como C.S.I (Telecinco), Mira quien baila (TVE), House (Catro) e Física o Química (Antena 3). Ningunha serie en Galicia lograra marcas semellantes desde Mareas Vivas; precisamente, outra produción de Voz Audiovisual. Non conforme con iso, a ficción do novo cura alcanza en 2009, o seu máximo histórico por capítulo con nin máis nin menos que un 36.4% de audiencia media. Agora, no seu terceiro ano de emisión, na que é xa a súa sétima tempada, a exitosa ficción non defrauda e nunha batalla tan difícil como a do pasado luns, nin romanos nin príncipes conseguen destronar ao Padre Casares.

Categoría: Novas
Etiquetas: