“PADRE CASARES” ESTREA OS SEUS NOVOS CAPÍTULOS HOXE MÉRCORES POLA NOITE

25 / 09 / 2013

Televisión de Galicia estreará hoxe mércores, 25 de setembro, o capítulo 180 de sériea “Padre Casares”.  Trátase do primeiro capítulo da nova tempada, a número 13, da que é xa a serie en emisión máis lonxeva da canle. Titulado “Portas pechadas”, o episodio emitirase en horario de máxima audiencia (22.10 horas). Xusto despois, (23.10 horas), chegará á TVG unha nova entrega de “Louredo responde”, o programa no que os habitantes de Louredo atenden, en primeira persoa, ás preguntas dos espectadores da serie.

Padre Casares estrea tempada e faio con tres intrigas que manterán ao espectador pegado á pantalla do televisor, e aos personaxes desta serie ao límite da súa paciencia. Virtude da cal, como todos ben sabemos, non van sobrados os veciños de Santo Antonio de Louredo.

A primeira delas ameaza con acabar coa posición como alcalde de Delmiro Ferreira (e de paso co seu saúde mental). Un vello inimigo dos louredeses volve á vila en busca de vinganza. Ninguén sabe aínda de quen se trata… ninguén excepto Delmiro. O primeiro edil vivirá con angustia o ocaso do seu goberno. A desaparición de Louredo como concello é unha ameaza real. Un eslogan non cesa de repetirse en todas partes: Tapeirán capital, Louredo sucursal…

Ademais, Delmiro e a súa muller vivirán nesta nova etapa unha serie de situacións que poñerán a proba ao seu matrimonio. Batallas que terán que librar día a día, e que nos revelarán a unha Moncha descoñecida para o gran público e a un alcalde ao límite das súas forzas.

Pero como non todo van ser desgrazas, veremos a un don Crisanto máis tenso que nunca. Primeiro, porque a parroquia volve estar ao seu cargo exclusivo; segundo, porque Don Crisanto garda unha sorpresa para os seus veciños das que fan historia. Unha desas sorpresas tan propias do vello cura e que tantos inimigos deixan polo camiño.

Pero si algún límite vai saltar esta tempada son os de Puri e Elsa. Unha estraña parella, inimigas acérrimas, que se verán obrigadas a convivir. Exacto. Convivir. Malo. E baixo o mesmo teito. Peor.

E si isto fose pouco, a Elsa a vida tenlle reservada unha sorpresa. Quen lle ía a dicir que a estas alturas da súa vida, a entrañable pastora de Louredo ía descubrir o amor? E onde menos o espera. E, sobre todo, con quen menos o espera…

Novos personaxes, amores, ambicións, traizóns, solidariedade, sospeitas, descubrimentos que construirán esa receita perfecta entre amor e tenrura, e que manterá ao espectador pegado á pantalla os mércores pola noite.

 

“Louredo responde”

Coa nova tempada de Padre Casares  chegan á TVG as novas entregas de Louredo Responde. Xusto logo da emisión de cada novo capítulo da serie, chega este espazo (23.10 horas) que achega os personaxes da ficción ao público da rúa. O título é un guiño ao programa Delmiro responde, que emite a ficticia alcaldía de Edelmiro Ferreira.

Como en tempadas anteriores, veremos como xente real, de distintos puntos de Galicia,  lanza as preguntas máis variopintas aos protagonistas da serie. Festas patronais, gastronomía, ideoloxía política, relacións persoais… todos os segredos dos louredanos sairán á luz de novo neste espazo da canle autonómica.

 

Unha serie moi galardoada

Desde o seu estreo en xaneiro do 2008, sériea Padre casares coseitou moitos galardóns, entre os que destacan varios premios Mestre Mateo, entre eles á Mellor Serie; o Premio ATV á Mellor Ficción Autonómica; o Premio Bravo, da Conferencia Episcopal Española, polo fomento dos valores humanos; e catro nominacións aos Premios Ninfa de Ouro do Festival de Televisión de Montecarlo.

Ademais, a serie triunfou máis aló das fronteiras galegas cunha versión andaluza chamada Padre Medina; outra versión Balear chamada Mossèn Capella; e unha terceira para a Televisión Valenciana chamada Senyor Retor.

Ademais, o formato orixinal (dobrado ao castelán) foi estreado por Telemadrid, que comprou os dereitos de emisión da primeira tempada (13 capítulos); e por Castilla Mánchaa Televisión, que emitiu tamén a serie orixinal en horario de máxima audiencia.

 

“Padre Casares” en Internet

Todos os capítulos xa emitidos de Padre Casares están dispoñibles en Internet. Na web da Televisión de Galicia, o espectador pode acceder ao espazo Televisión á carta. O programa Windows Media Player permite o visionado a pantalla completa. Tamén se pode acceder a través da  web da serie, www.padrecasares.com, entrando no menú Sala de prensa.

Etiquetas: