PACO ROCA DEBUTARÁ NA DIRECCIÓN DE CINE COA ADAPTACIÓN DO SEU CÓMIC MEMORIAS DE UN HOMBRE EN PIJAMA

6 / 06 / 2012

Tralo éxito de Arrugas, filme de animación gañador de dous Goyas, Perro Verde Films continuará a súa colaboración con Paco Roca, o autor do cómic en que se baseou dita película, e que lle supuxo ademais unha estatuíña como coguionista. A produtora que comanda Manuel Cristóbal anunciou que levará ao cine outro cómic de Roca, Memorias de un hombre en pijama, publicado por Astiberri Ediciones, e que, ademais, dirixirao o ilustrador e debuxante. O guión firmarao Angel de la Cruz, tamén co-gañador do Goya por ese mesmo labor en Arrugas.

Esta comedia, que chegará ás pantallas como unha longametraxe de animación 2D para un público xove, achegarase á vida cotidiana dun Peter Pan cuarentón que, por fin, conseguiu o seu soño infantil: quedarse en casa todo o día co pixama posto. Cunha considerable carga autobiográfica e un referente na serie televisiva Seinfeld, Roca debutará na dirección cunha historia formada por episodios animados curtos precedidos por pequenas presentacións do autor ao máis puro estilo Hitchcock presenta… pero en pixama. Manuel Cristóbal ve nesta nova colaboración con Roca “a posibilidade dunha longametraxe, pero tamén dunha serie curta para web e televisión. Buscamos marcas interesadas en facer algo innovador e divertido”.

Categoría: Novas
Etiquetas: