O 16OUFF PRESENTA OS CICLOS TEMÁTICOS FÓRA DE COMPETICIÓN

8 / 09 / 2011

Unha vez presentada a selección oficial de películas en competición, o 16 Festival de Cine Internacional de Ourense (16OUFF) presenta os ciclos temáticos que se exhibirán fóra competición. Como novidade desta edición, suprímese o elevado número de ciclos (só haberá 5) para que o espectador poida acudir a todas as sesións. A cambio ofrécese un material de primeirísima calidade: moitos títulos veñen de competir en festivais de todo o mundo.

Ciclo COMEDIA: un xénero moi demandado polo público e que, á fin, ten cabida dentro da programación do 16OUFF con ciclo de seu. Entre os títulos, cabería destacar a francesa Le jeu de l’amour et du hasard, a traslación dun texto do século de ouro francés na actualidade, Operación Casablanca, unha hilarante comedia de aventuras e de enredos, o debut da actriz Cristina Alcázar (Cuéntame) á fronte das cámaras con Aunque todo vaya mal, ou Potiche… unha comedia francesa avalada pola actuación de dous grandes do cine como Catherine Deneuve e Gerard Depardieu.

Ciclo IGUALDADE, que engloba unha ampla temática de problemas, dende os de identidade, de xénero e de violencia contra minorías étnicas, sexuais e relixiosas. Por destacar un par de títulos, I Shot My Love, do realizador israelí Tomer Heymann (a fama no seu país pode ser comparada coa que ten aquí Pedro Almodóvar), ou Love Davka, da tamén israelí Rona Soffer, por non deixar fóra á española Madres 0’15 el minuto, un interesantísimo documento sobre a convivencia entre clases.

Ciclo VISIÓNS DE AMÉRICA LATINA, un dos clásicos do OUFF. A selección para este ciclo foi se cadra das máis esixentes, polo que o material final é de primeirísima calidade. Por destacar, Carancho, un drama protagonizado de xeito maxistral por Ricardo Darín, ou a primeira experiencia como director de longas do actor mexicano Diego Luna con Abel.

Ciclo VISIÓNS DA EUROPA ATLÁNTICA
vainos permitir ver dúas películas que pasaron desapercibidas pola carteleira pero son posuidoras dunha fonda linguaxe emocional. Así, poderemos ver o último traballo de Montxo Armendáriz, No tengas miedo, por vez primeira en Ourense.

PANORAMA GALIZA. O máis destacado do que se fixo durante o ano pasado e no actual no noso país, artellado en diferentes sesións: Mr. Misto (unha retrospectiva da factoría da produtora de mesmo nome); Recordos (cun filme dun clásico do cine galego, Antonio Caeiro, e unha ollada á vida do militante antifascista Luís Trigo); Natureza (con dúas xoias do cinema submarino, unha coprodución galego-estadounidense, e unha peza firmada por Jorge J. Candán, o director máis laureado do mundo no seu xénero); Curtas; Experimental; Documental; e, finalmente, Feito en Ourense, unha ollada aos novos realizadores da nosa provincia.

Categoría: Novas
Etiquetas: