O OUFF PON Á VENDA AS ENTRADAS PARA AS ACTIVIDADES PARA A SÚA 18ª EDICIÓN

12 / 11 / 2013

O 18 Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF) presentou esta mañá en rolda de prensa as novidades desta nova edición, que se desenvolverá do 16 ao 24 de novembro co Auditorio Municipal como epicentro de operacións. O alcalde da cidade, Agustín Fernández, a concelleira de Cultura, Ana Garrido, o director do Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do evento, Nora Sola, presentes no evento xunto aos patrocinadores da cita, felicitáronse mutuamente “pola continuidade contra todo prognóstico dun festival que xa acada a súa decimo oitava edición”, en palabras do rexedor ourensán, que subliñou o importante papel que xoga o cine “na promoción de Ourense e no desenvolvemento da súa marca”. Sutil, pola súa banda, baseou o apoio da administración autonómica a prol “do labor de fomento de encontro de profesionais que se fai a través do OUFF, unha cita de pleno dereito e de interese no panorama cinematográfico nacional”. A directora do Festival, Nora Sola, ensalzou o Auditorio Municipal como lugar onde se proxectará a meirande parte da oferta cinematográfica do Festival, e lembrou que o Concello de Ourense pon a disposición do público un servizo de autobuses diarios desde o Parque de San Lázaro ata o Auditorio [Horarios: 17:00h, 19:30h e 22:00h, e para baixar: 19:15h, 21:45h e 0:40h] e unha parada de taxis ao lado da instalación municipal. Para quen veña desde fóra de Ourense, viaxar en tren é a oferta máis recomendable, xa que descargando un formulario da web do OUFF obterase un 30% de desconto en Renfe. Ademais, como novidade desta edición, haberá un servizo de ludoteca gratuíto de 17:00 a 22:00 horas para que os cativos non queden desatendidos durante as proxeccións.

As outras sedes do festival serán o Teatro Principal e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, espazos ambos dependentes da Deputación de Ourense, para a que o alcalde de Ourense quixo ter un agradecemento malia non formar parte xa da organización do certame.

Entradas á venda en Novagaliciabanco.es


As entradas para o 18OUFF xa están á venda a través do portal Novagaliciabanco.es e no propio Auditorio Municipal. Todas a un prezo de 3€ por sesión (agás os bonos de 5 películas, a 12€ e nos mesmos puntos de venda, agás para os clientes de NGB, que se o fan a través da súa web terán un prezo reducido de 10€). Entre todas elas está a que abrirá o Festival, este sábado a partir das 20:30 horas no Auditorio. Falamos de La Conspiración, de Pedro Olea, unha cita na que, co director vasco, tamén estarán presentes os actores Manuel Morón, Silvia Marsó e Iñaki Miramón. Nesta gala incluirase o espectáculo de danza de SóLODOS, de Maruxa Salas.

Nora Sola adiantou tamén os nomes dos presentadores para as galas do 18OUFF: catro recoñecidas caras no audiovisual galego, algunha delas vella coñecida do Festival. Luís Iglesia, famoso polo seu papel na serie Matalobos, será o encargado de conducir a gala de inauguración. A de clausura será responsabilidade de Monti Castiñeiras, integrante do xurado internacional deste Festival. As dúas galas restantes, as que homenaxearán a Ángel de la Cruz e ao propio Pedro Olea, premio Cidade de Ourense deste ano, serán presentadas polas actrices Isabel Blanco e Belén Constenla respectivamente.

Outras actividades
A programación deste 18OUFF inclúe tamén actividades paralelas e gratuítas para todos os ourensáns. Da parte formativa encargarase Ángel de la Cruz, que impartirá unha masterclass o martes 19 (de acceso libre e gratuíto até completar aforo). Pero tamén haberá unha parte lúdica: falamos dos concertos en El Tragaluz (praza de San Martiño), que ademáis servirá como punto de encontro, da cantautora galego-palestina Najla Shami, o domingo 18, o cuarteto Habelas Hainas, o mércores 20, e o cantautor portugués Fred Mártins, o xoves 21. A maiores, haberá un concerto máis, no Ateneo de Ourense: La Dama de Gris, o proxecto artístico da galega Belén Monís (que por certo traballou no OUFF na anterior edición) acompañada ao piano por José Carlos González.

Categoría: Novas
Etiquetas: