Os Multicines Norte, Premio Especial “José Sellier” da AGA

23 / 02 / 2018

A Academia Galega do Audiovisual recoñece así os cines vigueses como “un espazo de referencia para a cinefilia galega, que leva máis de tres décadas apostando polo cine de autor dende a independencia do cine de barrio”

Reciben o galardón no Encontro de Finalistas dos XVI Premios Mestre Mateo que se celebra esta tarde na Domus da Coruña

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle aos Multicines Norte de Vigo o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. A actriz Marta Doviro recolleu o galardón, en representación dos Multicines, este venres, día 23, no Encontro de Finalistas dos XVI Premios Mestre Mateo que se celebrou na Domus da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías, a gañadora do Premio de Honra Fernando Rey, María Bouzas, e numerosas autoridades. Con este premio, a Academia quere poñer en valor “este espazo de referencia para a cinefilia galega, que leva máis de tres décadas apostando polo cine de autor dende a independencia do cine de barrio”. A AGA salienta o exemplo extraordinario destas salas, xestionadas dende a súa apertura pola mesma empresa familiar, e que “ofrecen ao público a posibilidade de descubrir filmes fóra dos circuítos maioritarios, incluíndo películas en versión orixinal, reposicións de clásicos e, por suposto, cinema galego”.
MartaDoviro_recolle_josesellier
Máis de 35 anos de “servizo público”

Os Multicines Norte, bautizados co nome da vía viguesa na que se atopan, abriron as súas portas en 1982 coa proxección de O último metro de François Truffaut e O matrimonio de Maria Braun de Rainer Werner Fassbinder. Dende aquela, e a pesar de todos os cambios e dificultades pasadas polo sector da exhibición cinematográfica, manteñen en esencia a súa proposta: o “servizo público” de dar espazo a un cine con vocación artística que normalmente non chega ás salas das grandes superficies, priorizando o aspecto cultural sobre o económico.Así, os Norte conseguiron eludir o peche de salas e a concentración empresarial sen renunciar a adaptarse aos tempos. En 2013, dixitalizaron varias das súas salas para poder acceder a títulos non dispoñibles en celuloide, e tamén recentemente comezaron a incluír na súa programación reposicións de filmes clásicos e obras en versión orixinal. Ademais, son unha das salas vinculadas á iniciativa Screenly, grazas á que os espectadores poden escoller os filmes que desexan ver, e colaboran coa Escola Oficial de Idiomas viguesa ofrecendo descontos aos seus estudantes.

Actualmente, ampliaron a súa aposta polo cinema independente, de autor e de calidade, recuperando en Santiago os Multicines Compostela.

Etiquetas: