Os Fenómenos e Angrois no esquecemento poderanse ver mañá no CGAI

14 / 05 / 2015

A Academia Galega do Audiovisual proxecta mañá, venres 15 de maio no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) con motivo das Letras Galegas “Os Fenómenos” e “Angrois no esquecemento” gañadores na derradeira edición dos Mestre Mateo nas categorías de longametraxe e documental respectivamente, celebrados o 11 de abril en A Coruña. A entrada a ambos pases é gratuíta.

Ás 18.00h proxectarase “Angrois no esquecemento”, do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, documental que recolle as vivencias persoais e os interrogantes sobre o descarrilamento do tren o 24 de xullo.

Para “Os Fenómenos”, dirixida por Alfonso Zarauza e producida por ZircoZine, Maruxiña Film Company e TVG haberá que agardar ás 20.30h. A longametraxe fíxose coas estatuíñas á mellor Longametraxe, á mellor Dirección (Alfonso Zarauza), ao mellor Guión (Alfonso Zarauza e Jaione Camborda) e mellor Interpretación Feminina de Reparto (Ledicia Sola).

Este é o quinto ano que a Academia Galega do Audiovisual e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) colaboran para achegar os premiados nas distintas categorías da correspondente edición dos Mestre Mateo previamente ás Letras Galegas para facer unha homenaxe a esta data con cine galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: