Os Encontros Mestre Mateo

13 / 04 / 2016

A Academia Galega do Audiovisual achegou un ano máis ás Escolas de Imaxe e Son de Galicia a algúns dos profesionais finalistas nalgunhas categorías dos XIV Premios Mestre Mateo. Deste xeito, do 1 ao 8 de abril percorremos oito escolas que imparten ciclos relacionados co audiovisual cos nomeados das categorías que as propias escolas elixiron previamente.

Todo comezou no IES Virxe do Mar (Noia), onde se estreou o ciclo de Son, o venres 1 de abril cos finalistas á Mellor Música Orixinal. Manu Conde (Serramoura) e Manu Riveiro (O Descoñecido) falaron cos alumnos sobre composición para cine e televisión. Profundizaron nalgúns asuntos do seu día a día como por exemplo cando comeza o seu traballo para unha produción e se algunha vez non logaron un acordo co director e o produtor.

IMG_8419

O luns 4 de abril tivemos dobre cita cos Encontros: ás 11h tres representantes das 4 longas finalistas nos Mestre Mateo – Hugo Torres (Las altas presiones), Emma Lustres (O Descoñecido) e Carlos Amoedo (Lobos sucios)- compartiron a súa experiencia artística e en produción cos alumnos da Fundación TIC (Lugo).

IMG_8455

Máis tarde, ás 12.50h, foi o coloquio cos realizadores José Villaverde (Land Rober) e Gael Herrera (Qué casas!) e co produtor Manuel San Martín (E agora que?) no IES Audiovisual de Vigo. Estes profesionais salientaron que están atados polo presuposto xa que aínda que a tecnoloxía avanzou deben empregar un equipo técnico super reducido e limitado. Para a consecución do seu traballo, explicaron, teñen que pensar que queren ver os espectadores e teñen que conseguir transmitilo, e que moitas veces aínda que se vexan os propios erros técnicos estes aportan frescura no seu traballo.

 

O Raio Verde (Santiago) foi a seguinte cita o martes, 5 de abril ás 11h. As 4 series de tv finalistas achegáronse ata esta escola para falar cos alumnxs: Silvia Carnero (Pazo de familia), Jorge Coira (Luci), Toni Veiga (Hospital Real) e Carlos Carballo (Serramoura), conversaron sobre o pasado da industria e a actualidade, sobre a importancia da internacionalización e os comezos e as dificultades das súas producións.

12919730_1111202942264022_8513363169403513127_n

Novamente o día 6 tivemos dobre cita: pola mañá Leandro Quintas (Hospital Real), Jorge Coira (O Descoñecido) e Dani Castro (Serramoura) conversaron animadamente cos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Coruña sobre montaxe. Ademáis de falar sobre aspectos técnicos e programas de edición, os asistentes tamén opinaron sobre os posibles motivos de éxitos e fracasos das series e sobre as medicións de audiencias, que deberan comezar a facerse tendo en conta tamén as visualizacións na web. Os tres compañeiros de nomeación estaban de acordo con que os montadores, tanto de cine que reescribe en parte o guión como de televisión ao que lle chegan os planos xustos, non deben participar na rodaxe para non sentirse influenciados e ter unha visión obxectiva para se no momento final non funciona quitarllo da cabeza ao director. “Tes que ser consciente de que cando traballas montando o teu traballo é para a mirada dos demais”, suliñou Jorge Coira.

Xa pola tarde retomamos a colaboración coa ESAD e achegámonos a Vigo con Ricardo de Barreiro (Lobos Sucios), Monti Castiñeiras (Serramoura), Morris (Hospital Real), Carmen Méndez (Pazo de familia) e Fede Pérez (Era Visto!). Esta representación de talento galego resolveu tódalas dúbidas dos estudantes de interpretación: se era preciso ter representante para comezar a traballar tanto no teatro como no cine e na televisión, como afrontar un casting e mesmo as diferentes técnicas e traballos para preparar unha personaxe foron algúns dos temas abordados durante o coloquio.

12973262_1112065022177814_7996379446121850172_o

A penúltima cita dos Encontros Mestre Mateo tivo lugar na Escola de Imaxe e Son de Vigo o xoves 7 de abril cos directores das curtametraxes de imaxe real. Fran X. Rodríguez (Ladrones de Tiempo), Jorge Saavedra (Disney) e Olga Osorio (Restart) animaron aos asistentes a sacar adiante as súas curtametraxes xa na escola aproveitando as sinerxias entre os ciclos e así xa comezar a formar equipos, xa que nunca se van a dar as condicións ideais para poder facelas. Durante a súa intervención tamén falaron de como sacaron adiante os seus proxectos , das dificultades que atoparon no camiño e do percorrido festivaleiro que están a ter as súas obras.

20160407_115113

Para o peche desta nova edición dos Encontros Mestre Mateo visitamos o ciclo de produción do CIFP A Farixa (Ourense) o venres día 8. Poñendo o broche de ouro acompañáronnos María Liaño (Extinction), Paula Fernández (Serramoura) e Alberto Tomé (Lobos Sucios).As dificultades na produción, a loita de sacar adiante un proxecto e as rodaxes, así como as numerosas anécdotas e algúns consellos son algúns dos suxeitos que trataron cos alumnos.

IMG_8570

Queremos agradecer ás escolas e especialmente aos profesionais asistentes a súa presenza nos Encontros Mestre Mateo, sen vós nada desto tería sido posible.

Etiquetas: