Nove películas españolas, entre elas “Doentes”, dirixida por Gustavo Balza e interpretada por Antonio Durán “Morris” e Xosé Manuel Olveira “Pico”, formarán parte do programa do Festival Internacional de Cine de Moscú.
Na Muestra de Cine Español están representadas ‘Tres metros sobre el cielo’, de Fernando González Molina, ‘Passi el que passi’, de Robert Bellsolá, ‘Pájaros de papel’, de Emilio Aragón, ‘Pa negre’, de Agustí Villaronga, ‘También la lluvia’, de Iciar Bollaín, ‘Mil cretins’, de Ventura Pons, ‘Bruc, el desafío’, de Daniel Benmayor, e ‘Doentes’, de Gustavo Balza. “Las olas”, dirixida por Alberto Morais, competirá polo primer premio do certame, o San Jorge de Ouro, mentres que as outras oito completan o ciclo adicado a España.
O Festival Internacional de cine de Moscú, na súa 33ª edición, habitualmente conta coa participación de España. Nesta edición do festival, participan nove títulos españois xa que neste 2011 o evento xira en torno ao noso cine, coincidindo co ano dual de Rusia e España.
O Festival Internacional de Cine de Moscú é o segundo máis antigo do mundo (o primeiro é o de Venecia). A súa primeira edición celebrouse en 1935. A Federación Internacional das Asociacións de Produtores de Cine califica o evento coa categoría ‘A’, xunto cos festivais Venecia, Berlín e Cannes entre outros.
“Doentes” cumpre a súa sexta semana de exhibición en salas; é unha produción de Filmanova, ZircoZIne e TVG.