Ons e A illa das Mentiras, vencedoras da XIX edición dos Premios Mestre Mateo

10 / 04 / 2021

A Academia Galega do Audiovisual entregou os seus premios anuais nunha Gala celebrada no Teatro Colón da Coruña e presentada por Lucía Veiga. A película Ons, de Alfonso Zarauza, resultou gañadora en 9 das categorías polas que optaba a premio, mentres que A Illa das mentiras, dirixida por Paula Cons obtivo 5 galardóns.

As académicas e académicos tamén elixiron Nación de Nós Produtora Cinematográfica Galega coa participación de Televisión de Galicia como mellor documental, Néboa, de RTVE e Voz Audiovisual, como mellor serie de televisión e Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño, como mellor programa. Desde o mar, de Juan Galiñanes e Kaito Estudios, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario, Muinheira de Interior, de Xaime Miranda, co de mellor videoclip, e Carne de Abano Producións e Xoves de comadres, de Islandia Producciones, gañaron cadanseu galrdón a mellor curtametraxe de animación e imaxe real. Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo foi distinguida como Mellor Serie Web.

Na Gala celebrada a pasada noite no Teatro Colón Ons, que partía con 13 candidaturas finalistas, conquistou os galardóns á mellor longametraxe. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de Fotografía de Alberte Branco (AEC), a dirección de produción de Tamara Soto, o guión de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, a montaxe de Fernando Alfonsín, o son de Sérgio Silva e David Machado e case pleno nas categorías de interpretación, con premios para Melania Cruz, Antonio Durán “Morris” e Marta Lado.

A Illa das mentiras fíxose con 5 galardóns, dos 12 aos que optaba: mellor dirección para Paula Cons, interpretación masculina de reparto para Milo Taboada, dirección de arte para Antonio Pereira, maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e vestiario para Eva Camino.

O resto de premiados da noite foron Rodrigo Vázquez, mellor comunicador co programa Quen anda aí?; Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares mellor realización por Cos pés na terra e a Orquestra Fugaz de Improvisación mellor música orixinal pola banda sonora de 9 Fugas.

Ademais de premiar a producións e profesionais, a Academia Galega do Audiovisual premia cada ano a traxectoria de profesionais cuxa traxectoria resulte relevante para o sector. O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega. Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta ven desenvolvendo unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais.

A presentadora do espectáculo, Lucía Veiga, estivo acompañada no escenario do Teatro Colón por De Vacas, que puxeron a música en directo, e por diversas personalidades da pequena e gran pantalla, que se encargaron de anunciar as candidaturas gañadoras: Bárbara Grandío, Diego Viaño, Esther Estévez, Iria Sobrado, Isabel Blanco, Luis Iglesia, Marta Larralde, Miguel de Lira, Pilar García Rego, Susana López, Susana Sampedro e Xosé Barato.

A Academia Galega do Audiovisual organiza os Premios Mestre Mateo grazas ao apoio das seguintes institucións: Concello da Coruña, Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC da Consellería de Cultura e CRTVG.

Palmarés XIX premios Mestre Mateo

Categoría: Novas
Etiquetas: