O CGAC presenta Ficcións analóxicas. O vídeo na Galicia dos oitenta
A exposición inaugúrase o xoves 10 de xaneiro e estará aberta até o 27 de abril O CGAC presenta mañán xoves 10 de xaneiro a exposición Ficcións analóxicas. O vídeo na Galicia dos oitenta, comisariada por Fernando Suárez Cabeza e que recolle os xermolos da videocreación no país. A mostra, no soto do CGAC, reflicte un momento de efervescencia cultural, o da década dos oitenta, no que un grupo de creadores a través do soporte video acadaron repercusión internacional. Nese grupo atopamos a creadores que seguen en activo hoxe en día como Xavier Villaverde, Manuel Abad, Antón Reixa, Ignacio Pardo, Antonio Caeiro, Xosé Búa, etc.
A rolda de prensa terá lugar ás 12 h. do xoves 10 de xaneiro no CGAC. O comisario, xunto ao director do CGAC, Manuel Olveira, explicará aos medios as claves da mostra. Ademais estarán acompañados de varios dos creadores presentes na mostra. Xa na tardiña, ás 20h, terá lugar o acto inaugural coa presenza da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.