O RETO DA INTERNACIONALIZACIÓN

13 / 02 / 2015

Peter Andermatt, director da MEDIA Office Spain, visitará a Cidade da Cultura o 24 de febreiro ás 10.45h para unha sesión informativa MEDIA enfocada ás Axudas ao Desenvolvemento “Single Project Funding”. O ano pasado, Peter colaborou no noso anuario e deixábanos un interesante artigo sobre a internacionalización que vos deixamos para que o lembredes.

“ No sector audiovisual en xeral, ter una visión internacional pode ser una vantaxe competitiva importante. Para ter esta visión, é necesario documentarse e estar en contacto coas persoas e compañías doutros países. A mellor forma para logralo é participar nos festivais e mercados internacionais de referencia, como Cannes, Berlín e moitos outros en diferentes continentes. En España, e en Galicia en particular, unha vía moi boa é participar baixo o paraugas de “Audiovisual de Galicia”. Tamén existe o paraugas “Audiovisual from Spain” e, por suposto, MEDIA Stands, no que se reúnen as compañías independentes de toda Europa. Quen participa neste tipo de eventos axiña decátase que o Palais do Festival de Cannes é o mais parecido á Torre de Babel. Hai tantísima xente que fala unha chea de idiomas, pero hai un idioma que parece ser “o idioma da industria” a nivel global: o inglés. Quen queira traballar comodamente nesta industria e a nivel internacional, convén que saiba inglés.Tampouco fai falta sacar o diploma Proficiency de Cambridge, pero poder manter unha conversa incluso nun ámbito ruidoso, e poder ler todo tipo de documentos, libros, contratos, revistas, etc, é de gran axuda. Recomendo a todos poñerse a aprender inglés, da igual a que idade. Parece unha obviedade, pero se miramos ao noso arredor observamos, e non só en España, que esta barreira lingüística existe e a miúdo dificulta as tarefas, especialmente a da internacionalización. En todo caso, trátase de viaxar aos mercados e coñecer a xente doutros países que son candidatos a converterse en coprodutores ou compradores dos nosos proxectos. Pouco a pouco, fórmase unha rede de contactos e vai medrando. Unha boa rede de contactos vale ouro, sobre todo se temos relacións de confianza cos nosos contactos, baseadas en experiencias positivas. A boa reputación a nivel internacional gáñase pouco a pouco, ao longo dos anos. Se despois de vinte anos no mercado internacional falan ben dun, é porque fixo os seus deberes e portouse ben, sempre cumprindo coa súa palabra e cos contratos asinados.

Segundo que país ou territorio, hai tipos de proxectos que son máis fáciles de coproducir. Dito superficialmente e sen querer afirmar unha verdade absoluta, na miña opinión é máis doado coproducir ficción, incluíndo animación, que documentais. Dentro da ficción, o que máis a miúdo desemboca nunha coprodución é unha obra de xénero ben definino, con actores coñecidos, posiblemente cun guión baseado nunha novela que está editado en varios países; cine comercial, máis que de autor, a non ser que o autor sexa unha estrela por si mesma. Os xéneros máis populares parecer ser a comedia e o drama, pero tamén o thriller e o cine negro en xeral. As comedias non sempre viaxan ben porque o sentido do humor e as referencias que se empregan nas películas ás veces son de índole local, máis que universal. No obstante, cando unha comedia acéndese a nivel internacional, pode converterse nun gran triunfo. Non hai regras nin receitas infalibles. A coprodución é un medio para internacionalizarse. É caro, complexo, pero moi frecuente. As ventas internacionais de contido son outro. Hai películas e outras obras creativas que son producións ao 100% españolas, pero véndense moi ben fora das nosas fronteiras. Non hai que ser tímido á hora de ofrecer a súa obra a alguén que dispón dunha rede de contactos –de compradores- internacionais.

Internacionalizarse como profesional ou como empresa non é doado e convén tomalo moi en serio. É boa idea elaborar primeiro un plan de internacionalización detallado, para despois executalo con firmeza. A inversión que require o salto ao mercado internacional non é pouca. Hai que ter recursos para elo, tempo e cartos. En España existen diferentes institucións que fomentar a internacionalización das empresas das industrias culturais. Un que coñezo ben é o ICEX, co seu programa ICEX Next (anteriormente chamado PIPE). Tiven o gusto de traballar como promotor deste programa e vin numerosas empresas do mundo audiovisual, editorial, muscial, etc., elaborando e executando os seus plans de internacionalización. Recomendo a todos os que teñan os ollos postos no mercado internacional que investiguen este programa e outros parecidos onde os haxa. Participar neles sempre é unha experiencia enriquecedora.

No marco de Europa Creativa, e no sub-programa MEDIA, hai unha gran cantidade de liñas de apoio que apuntan directamente á internacionalización das empresas culturais. Hai liñas de formación, que son excelentes foros para traballar as redes de contacto. Hai fomento ao desenvolvemento de proxectos, á produción e á distribución. As empresas que están internacionalizadas estás acostumadas a aproveitar estas posibilidades. Traballan moito para cumprir cos requisitos necesarios para bonificarse das axudas, porque merece a pena.

En resumidas contas, penso que falar de internacionalización neste mundo globalizado no que vivimos e traballamos é obrigatorio. Da igual se un é creador, produtor ou distribuidor de obras creativas. Canto máis investigamos o mercado dentro e fora das nosas fronteiras, máis visión podemos desenvolver. Traballar a nivel internacional, visitando lugares remotos e intercambiar ideas con persoas de diferentes países é moi estimulante. Na miña vida profesional, tiven épocas, como cando era axente de ventas internacionais de películas, nas que pasei máis tempo fora do meu país que dentro. Agora teño amigos e compañeiros de traballo nunha chea de países. As fronteiras, para min, son meramente mentais. É un efecto secundario da miña propia internacionalización.”

Categoría: Novas
Etiquetas: